top of page

A arte moderna portuguesa inunda Ribadavia

  • culturazgal
  • 15 nov 2021
  • 2 Min. de lectura

Actualizado: 6 dic 2021

Os deseños dun dos referentes artísticos do país luso, José de Almada Negreiros, exhíbense no Museo Etnolóxico do municipio ourensán baixo o nome 'Fábulas de Almada Negreiros'

Unha das ilustracións do artista portugués. Expresso.pt

Ainara Corredoira/Santiago de Compostela


O Museo Etnolóxico de Ribadavia acolle a exposición 'Fábulas de Almada Negreiros', composta por diferentes ilustracións do referente da arte moderna portuguesa José de Almada Negreiros. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou na inauguración da mostra, enmarcada no proxecto transfronteirizo 'Nortear' que busca reforzar os vínculos na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal arredor das manifestacións artísticas.

Na exposición móstranse 49 tintas chinesas orixinais, realizadas en 1936 para ilustrar o libro 'Fábulas', do escritor e xornalista Joaquim Manso, con dirección gráfica de Luís de Montalvor. Pódese ver tamén unha reducida e delicada escolma de ilustracións deseñadas para as obras 'O pórtico e A nave', do mesmo autor, con quen Almada se asocia para outras publicacións alternativas e excepcionais. Trátase de pezas procedentes do Museo do Abade de Bacal, da localidade portuguesa de Bragança, e poderán verse en Ribadavia ata marzo do vindeiro ano.

Para o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a mostra representa unha oportunidade única de achegarse a un “referente imprescindible da cultura portuguesa do século XX”, que foi quen de desenvolverse en múltiples facetas artísticas, cuestionándose constantemente as fronteiras entre as artes. A iniciativa ofrece un conxunto de gran riqueza plástica que constitúe “un eloxio á liña e ao virtuosismo artesanal do debuxo”, engadiu.

No acto participaron, entre outros, a directora rexional de Cultura do Norte, Laura Castro, e o secretario da Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, Xosé Lago.



Vista dunha das ilustracións de 'Fábulas de Almada Negreiros'. El Español


Proxecto Nortear: reforzo da irmandade entre Galicia e Portugal A iniciativa forma parte das actividades integradas no proxecto transfronteirizo 'Nortear', desenvolto en colaboración pola Xunta, a Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Neste marco de acción prevense tamén dúas sesións de conversas entre os escritores Juan Tallón, de Ourense, e Ivo Machado, de Portugal.

A primeira delas será o mércores 17 na Escola Oficial de Idiomas ourensá e a segunda, o día 24 deste mes en Chaves. Ademais, o 27 de novembro, no marco do Culturgal, terá lugar a entrega do premio literario Nortear ao escritor e xornalista Pedro Rodríguez Villar, do concello pontevedrés de Nigrán.

Neste mesmo contexto, inaugurouse a comezos do mes a exposición 'Noroeste Cuarta Oeste' na localidade portuguesa de Resende. A mostra con fragmentos narrativos, escénicos ou fílmicos percorreu tamén nos últimos meses os centros bibliotecarios xestionados pola Xunta, deixando ver a solidez e coherencia dun universo creativo e as continuidades dos imaxinarios xeográfico e cultural a ambas as dúas beiras do Miño.




Commentaires


bottom of page