A cidade de Lugo convértese no epicentro da arte na rúa coa celebración do Culturbán
- culturazgal
- 27 nov 2021
- 2 Min. de lectura
Actualizado: 15 dic 2021
Dezasete artistas locais abrirán as portas dos seus talleres esta fin de semana para amosar o seu traballo e todos aqueles que queiran poderán disfrutar de paseos guiados durante a mostra

Ainara Corredoira/Lugo
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou a mostra Arte de Portas Abertas, organizada pola área de Cultura e o Espazo LUPA Arte dentro da segunda edición do Culturbán. Maite Ferreiro explicou que “o Concello quere achegar o traballo artístico das creadoras e creadores lucenses abrindo os seus obradoiros para que toda a veciñanza poida ver as distintas etapas do proceso creativo e coñecer de primeira man o estilo de cada unha das artistas locais que colaboran nesta iniciativa”.
A mostra conta coa colaboración de 17 artistas, que abrirán esta fin de semana as portas dos seus talleres, e 6 máis que contarán cun espazo no Vello Cárcere. Ademais, organizaranse visitas guiadas con Guido Guía polos distintos obradoiros.

Os creadores abrirán as portas dos seus obradoiros
A área de Cultura facilitará que a veciñanza poida visitar os obradoiros de 17 artistas os días 27 e 28 de novembro entre as 16 e as 20 horas. Recoméndase concertar as visitas de xeito telefónico con cada un dos obradoiros para facilitar o cumprimento das cabidas de cada instalación.
Na mostra participan artistas de renome como Isabel Somoza (gravado), INPE (deseño téxtil), Alfredo Bongianni (fotografía), UVE (deseño de interiores), Dinámica Estudio (plástica), Joaquín García Gesto (pintura), Gema López Estudio de Arte (pintura), Miguel Anxo Macía (pintura), Xoan Vila (Escultura), Andrés Haensel Haenselus (mix media e audiovisuais), Iago Eireos (pintura e fotografía), Ceniza de Papel (cerámica), Elena Belgrano EduCoHabitar (arquitectura e mix media), Festigaleiros (mix media e audiovisual), Cris Bamio (pintura e fotografía), T de Tete (deseño téxtil) e Juan Pablo Mastroiani (pintura).
Varios artistas contarán con espazos no Vello Cárcere
Durante os días da mostra, 6 artistas contarán cun espazo no Vello Cárcere. Serán Luz Darriba (multidisciplinar), Juan Lomarti (pintura e escultura), Ana Cabanes Fontao (pintura e escultura), Carmen Porteiro (fotografía), Ignacio López (pintura) e Alexandra Pardo Argalleira (mix media e instalación).
Paseos da man do guía turístico Guido Guía
Durante a mostra, a área de Cultura organiza paseos co guía turístico Guido Álvarez. Terán prazas limitadas por orde de inscrición previa no correo vellocarcere@lugo.gal ou no teléfono 982 297 195. O sábado 27 de novembro, o paseo partirá desde o CEI Nodus en horario de 16 a 20 horas, mentres que o domingo 28 partirá desde o Vello Cárcere no mesmo horario.
Kommentare