A crise da música en galego: o 80% dos adolescentes afirma non escoitala nunca
- culturazgal
- 3 dic 2021
- 2 Min. de lectura
Máis do 50% do estudantado entre 10 e 18 anos nunca asistiu a un concerto en lingua galega e un 40% non coñece ningún artista ou grupo que cante neste idioma

Patricia Otero / Santiago
O 80% dos estudantes de Galicia entre 10 e 18 anos non escoitan nunca ou case nunca música en galego, segundo apunta unha enquisa realizada polo proxecto socio-educativo 'Ao Son da Nosa Música' entre máis de mil escolares de Galicia entre 5º de primaria e 2º de bacharelato.
Ademais, outro dos datos que arroxou a enquisa é que máis do 50% nunca asistiu a un concerto de música en lingua galega, e un 40% dos escolares non coñecen ningún artista ou grupo que cante neste idioma. O obxectivo do proxecto é coñecer os hábitos musicais desa franxa de idade tanto dentro como fóra dos centros educativos, así como estudar a presenza da música en distintos espazos educativos formais e informais e analizar propostas para mellorar a presenza da música neste ámbito.
Tamén sobre a educación, os responsables da enquisa sinalaron que o 50% dos estudantes aseguran escoitar poucas veces composicións en galego na aula de música e o 27% di non facelo nunca. O estudo, que presentará os datos definitivos en xaneiro, mostrou que en canto a estilos o favorito é o pop cun 64%, seguido polo reggaetón cun 53%.
En canto ao modo de consumo, Youtube é a plataforma máis utilizada pola mocidade cun 86%, seguido de Spotify cun 74%, TikTok cun 52% e, por último, a radio cun 35%. Así mesmo, o estudo revelou que, a partir dos 13 anos, as redes sociais son a maior influencia á hora de configurar os gustos musicais.
Os responsables do proxecto subliñaron datos como que o 62% dos enquisados non comprou música nunca, entre o 38% que si o fixo, só o 17% investiu en música en lingua galega. Os artistas máis coñecidos polos mozos son Guadi Galego, SÉS, Tanxugueiras ou a Banda da Loba.
"Drámática realidade"
Estes datos o que mostran é que, a pesar da gran produción de música que se está facendo na actualidade, cunha gran variedade de estilos e artistas, “a enquisa puxo especial fincapé na presenza da lingua galega na música que escoitan, poñéndose en evidencia unha dramática e alarmante realidade. É destacable a presenza maioritaria do castelán como lingua vehicular no ensino musical, tanto dentro dos centros educativos como nos diferentes ámbitos de formación”, indican os responsables do proxecto nunha nota de prensa.
Nesta enquisa tamén se revela que as redes sociais son a maior influencia na formación do gusto musical, seguido polo grupo de amizades.
Comments