top of page

A marca ceense Akouga orgullosa de pertencer á Galicia profunda

  • culturazgal
  • 12 nov 2021
  • 2 Min. de lectura
A firma únese ao movemento cidadán en defensa do rural galego e lanza unha colección de bolsas personalizadas


Publicación da conta de Facebook de Akouga

Paula Fernández / Santiago de Compostela


O pasado outubro, unha xuíza de Marbella, emitiu un auto no que negou a custodia dun bebé dun ano a unha nai da parroquia de Torea (Muros) por vivir en “a Galicia profunda”. Este argumento despectivo alimentou unha onda de indignación nas redes sociais que se encheron de mensaxes de galegos orgullosos.


A partir dese momento, xurdiron numerosas iniciativas sociais ao redor deste desprezo ao rural. Así pois, entrou en escena unha marca de moda que pretendía visibilizar esta causa social, Akouga. Despois de ler a noticia e ver a resposta cidadá nas redes sobre o auto da xuíza, os traballadores desta empresa téxtil decidiron lanzar bolsas personalizadas coa frase “ eu son dá Galicia profunda” bordada. Ademais do texto, o deseño está composto pola bandeira galega e o típico arbusto de Galicia, un toxo. Con estes artigos pretenden realizar unha campaña que defenda a vida no rural.


A firma ceense fundouse en 2020 en pleno confinamento pola pandemia de coronavirus, cando fabricaron centos de máscaras naquela época na que non había existencias. Akouga está dirixida pola deseñadora de moda Jesica Coiradas, graduada en Deseño de Moda na EASD (Escola de Arte Superior de Deseño) Mestre Mateo. Así mesmo, está composta por un pequeno equipo que traballa desde un taller en Cee.

Os seus deseños son ecoloxistas xa que elaboran as súas propias tinguiduras con produtos naturais que eles mesmos colleitan e realizan todo por encargo para non ter demasiado stock. Desta maneira, levan a cabo a súa actividade profesional de forma sostible.


Ao principio pensaban que o seu alcance limitaríase ao ámbito local pero xa teñen pedidos procedentes de Tarragona. Non hai ningunha dúbida de que os seus modelos están a ser todo un éxito.


Comments


bottom of page