top of page

Eva Prado, novo membro da Asociación Galega de Deseño

  • culturazgal
  • 10 dic 2021
  • 2 Min. de lectura

Fotografía de Eva Prado na páxina web da DAG

Paula Fernández / Santiago de Compostela


A Asociación Galega de Deseño continúa sumando asociados. A viguesa Eva Prado é xa membro da agrupación. Aproxímase ao deseño despois dunha extensa traxectoria profesional na área da xestión cultural e da conservación da arte. Así mesmo, formou parte durante máis de 13 anos do equipo técnico do Museo de Arte Contemporánea da Fundación Naturgy na Coruña. Nel, dirixiu os departamentos de conservación e de colección, coordinou exposicións, actividades…


Así pois, reorientou a súa carreira e está a dar os seus primeiros pasos como deseñadora gráfica. O ano pasado, estudou na Escola Superior de Deseño de Barcelona un máster especializado nesta área e actualmente, está a cursar outro dirixido ao deseño web multidispositivo: UX/ UI.


A súa incorporación á DAG é un gran paso para ela xa que terá a oportunidade de colaborar e apoiarse noutros deseñadores. Ademais de gozar dalgúns dos privilexios exclusivos por ser membro entre os que destacan os seguintes.


Actividades


Todos os asociados teñen a posibilidade de participar nas actividades, encontros, proxectos, charlas, coloquios e eventos que organice a DAG por exemplo o foro Canal de contidos.


Directorio de persoas asociadas


Todas os membros aparecerán no directorio da web onde os clientes poderán ver os perfís e consultar os datos de contacto daqueles nos que estean interesados.


Utilización do logo


As persoas asociadas poden utilizar o logotipo da DAG para publicitar a súa condición de membro nos seus proxectos tanto da organización como persoais.


Asesoría Xurídica


A DAG ten un acordo con Sistemius, unha asesoría xurídica especializada en temas como a protección de datos ou a propiedade intelectual. Todos os socios poden acudir a ela sempre que sexa necesario.



Logotipo da Asociación Galega do Deseño

A Asociación Galega de Deseño ( DAG) é unha organización sen ánimo de lucro, fundada en 2006, que agrupa a profesionais do deseño de toda Galicia. Abarca disciplinas como o deseño gráfico e web, o deseño UX/ UI, o deseño industrial, o deseño editorial, o deseño estratéxico ou o deseño de servizos.


É un referente do sector profesional do deseño en Galicia e algúns dos seus obxectivos son: dar visibilidade ao deseño galego, establecer canles de comunicación entre profesionais, fomentar políticas públicas que favorezan aos profesionais do deseño etc.


Sen dúbida, o pensamento crítico de Eva Prado e a súa paixón por comunicar xunto coas súas experiencias profesionais, axudará ao crecemento da DAG.



Comments


bottom of page