As Tanxugueiras camiño a Eurovisión
- culturazgal
- 21 nov 2021
- 2 Min. de lectura
As cantareiras anunciaron a través da súa conta de Twitter que se presentarán á selección do festival

Patricia Otero / Santiago
O galego estará presente na selección do representante de España para a próxima edición de Eurovisión. A banda de folk galego Tanxugueiras, formada por Olaia e Sabela Maneiro e Aida Tarrío, confirmou que enviarán unha canción para acudir ao certame europeo e representar a España "en galego, con pandeiretas e coa nosa sonoridade".
As cantareiras foron elexidas polo seu tema Figa, que fai referencia a un amuleto contra o mal de ollo, como favoritas entre un total de cen artistas do ámbito nacional nunha sondaxe non vinculante realizada polo principal medio español especializado no festival, Eurovision-Spain.
Nesta enquisa, os fans do concurso deciden mediante os seus votos que canción lles gustaría levar ao festival. A través de varias rondas, outorgan puntos as súas cancións favoritas nunha lista de artistas entre os que este ano se encontraban, entre outros, nomes como Lola Índigo, La Oreja de Van Gogh, Aitana, Rosalía e Mago de Oz. Tanxugueiras conseguiron impoñerse no primeiro posto desta estensa enquisa en todas as fases do proceso de selección. Para esa ocasión, presentaránse cun tema inédito pero seguindo a liña dos seus últimos éxitos.
Tras ser elixidas polos eurofans, unha "sorpresa" que agora lles levou a seguir adiante, o trío de folk defendeu a presenza do galego no festival para "normalizar" a diversidade lingüística de España. De feito, as claves para a súa elección foron, segundo destacaron entón algúns eurofans, o potencial escénico, a autenticidade e a posibilidade de levar por primeira vez na historia unha canción nunha das linguas cooficiais do estado.
A última representante galega no festival de Eurovisión foi Lucía Pérez no 2011 coa canción, cantada en español, Que me quiten lo bailao.
O Benidorm Fest, o último paso
Unha vez difundida a súa presentación toca esperar a se finalmente as galegas son as elixidas no Benidorm Fest para representar a España. Este é un festival que se celebrará en Benidorm a finais de xaneiro no que todos os artistas que enviaron unha canción para representar a España no certame se enfrontan en diferentes rondas ata que sae o gañador. Este é o método que elixiu RTVE para a preselección para ao menos os próximos catro anos.
A xefa da Delegación española de Eurovisión 2022, Eva Mora, asegurou que RTVE non está buscando «un estilo concreto» para representar a España, senón unha boa canción e intérprete.
Comments