Chega a Ourense a exposición 'Néboas de luz': a memoria visual da Galicia máis recente
- culturazgal
- 7 nov 2021
- 2 Min. de lectura
Actualizado: 13 dic 2021
O secretario xeral de cultura, Ángel M. Lorenzo presentou a mostra no Centro Cultural Marcos Valcárcel, onde se poderá visitar ata o dezaséis de xaneiro do próximo ano

Ainara Corredoira / Lugo
O secretario xeral de Cultura, Ángel M. Lorenzo, participou no acto de presentación da exposición 'Néboas de luz', coa que a Xunta leva a colección do Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC) á cidade de Ourense.
Comisariada por Sara Donoso, a mostra ofrece unha selección de pezas de artistas como Pablo Barreiro, Andrea Costas, Tamara Feijoo, Amaya González Reyes, Menchu Lamas, Juan López, Loreto Martínez Troncoso, Ana Pérez Ventura, Isaac Pérez Vicente, Carlos Rodríguez-Méndez, Mauro Trastoy e Christian Villamide. Todas elas fóronse incorporando nos últimos anos aos fondos do CGAC.
Segundo sinalou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade na súa intervención, a iniciativa enmárcase no proxecto itinerante ‘Unha mirada a Galicia’, que se asoma á creación contemporánea galega a través da colección do CGAC. Esta acción levou tamén a Vigo a mostra ‘Pingas rompentes’, inaugurada no Museo do Mar de Galicia o pasado outubro e onde permanecerá ata comezos de 2022.
'Néboas de luz' permanecerá nas salas 0 e 1 do Centro Cultural Marcos Valcárcel ata o 16 de xaneiro de 2022. Pódese visitar gratuitamente de luns a venres, de 11,00 a 14,00 e de 17,00 a 21,00 horas, e os sábados, domingos e festivos, de 11,00 a 14,00 horas.
Achegamento a diferentes voces e sensibilidades
Nesta liña, a antoloxía de obras exposta en Ourense mostra algúns dos enfoques narrativos e abordaxes plásticos que foron construíndo parte da memoria visual da Galicia máis recente. Para o secretario xeral, “permite así un pequeno achegamento a diferentes voces e sensibilidades que impulsan cos seus relatos múltiples aproximacións críticas, coas que compartir cuestións de natureza social, política, artística ou de identidade”.
O nome da exposición xorde a partir dunha das obras fotográficas, titulada Vía Láctea, e coa que a súa autora, Andrea Costas, fai referencia á lactancia a través do mito da formación da galaxia. Como ese grupo de estrelas que deixa unha néboa luminosa, nesta selección de artistas e obras tamén se producen colisións e roces que interactúan entre si e compoñen un recorrido. “Pódese trazar así unha analoxía para falar de artistas que confirman a súa independencia, pero tamén aluman xuntos cruzando intereses e creando un compromiso coa creación e a sociedade actuais”, apuntou Lorenzo.
Xunto ao secretario xeral de Cultura, no acto participaron tamén o vicepresidente da Diputación de Ourense, Rosendo Fernández, e o tenente de alcalde de Ourense, Armando Ojea, así como a comisaria da exposición, Sara Donoso, e os directores do CGAC, Santiago Olmo, e do Centro Cultural Marcos Valcárcel, Francisco González. Ademais, estiveron presentes artistas cuxas obras forman parte da mostra, como Pablo Barreiro, Andrea Costas, Juan López, Ana Pérez Ventura ou Christian Villamide.
Comments