En Noia e Carballo a música non para
- culturazgal
- 17 nov 2021
- 2 Min. de lectura
Estas dúas vilas teñen programados unha chea de concertos para os próximos días

Patricia Otero / Santiago
Novembro é o mes de Santa Cecilia, a patroa dos músicos. Por iso dúas vilas galegas, Carballo e Noia, decidiron encher de músicas as súas rúas con concertos que se prolongan desde unha semana ata ven entrado o mes de decembro.
En Carballo non quixeron perder a oportunidade de festexar Santa Cecilia por todo o alto e presentaron unha nova edición do Novembro con Música onde haberá concertos que van desde o folk ao clásico ou do popular ao rock. A particularidade desta cita é que todas as bandas e artistas serán galegos. En Carballo quixeron estender a festa o máximo posible e haberá concertos ata o próximo 19 de decembro con todas as citas gratuítas, no Pazo da Cultura, e con acceso libre ata completar o aforo máximo.
Para esta semana están programados os concertos de Marés Sonoras o vernes 19, que estará presentado o seu novo disco, Soños Ibéricos, unha visión actualizada de diferentes sonoridades entre o Atlántico e o Mediterráneo. A outra cita será o domingo 21 con Desconcierto, no que a música, o humor e o teatro se xuntan para achegar autores clásicos ás novas xeracións.
Noia, o escaparate para as novas promesas
Pola outra banda, Noia dedica unha semana á música coa 44 edición de A Semana Musical de Noia, unha das actividades culturais con máis tradición na localidade. De feito, este mércores 17 arrancou un ciclo que busca tanto programar concertos de coñecidos grupos como servir de escaparate ás novas promesas.
Será un concierto a cargo de alumnos do conservatorio Felipe Paz Carbajal o que marque o arranque desta edición da Semana Musical. Esa actuación inaugural terá lugar no coliseo Noela, ás 20.30 horas. O xoves, á mesma hora, tomará o relevo sobre o escenario o grupo As Lens, mentres que o vernes tocarálle o turno ao pianista Alberto Vilas, que aproveitará a ocasión para presentar o seu novo disco, titulado Naialma.
Na fin de semana o sábado tocará a banda de música tradicional Suevia. O domingo, a agrupación Salgueiriños, que ofrecerá unha viaxe musical a través da ruta Portus Apostoli. Para terminar, o luns, día de Santa Cecilia, haberá unha misa cantada no templo de San Martiño, ás 19.30 horas.
Comments