Judith Hill, corista de Prince e de Stevie Wonder, gran protagonista do Outono Códax
- culturazgal
- 6 nov 2021
- 2 Min. de lectura
O festival de música negra regresa no 2021 a Santiago de Compostela ca mellor selección de bandas de soul, blues, rock&roll, rhythm&blues, country e brass band nunha edición que se celebrará entre o 11 de novembro e o 11 de decembro

Patricia Otero / Santiago
O festival de música negra Outono Códax, que achega cada ano a Galicia unha coidada selección que combina os mellores sons do soul, o rythm&blues, o funk e o rock´n roll, volve ás salas de concertos santiaguesas cunha edición que este ano pon a súa mirada na cidade de Nova Orleans e nas súas músicas a través das bandas presentes nesta edición, así como dos diversos eventos temáticos programados.
A cantante estadounidense Judith Hill --corista de Prince (que tamén foi produtor do seu primeiro disco), de Stevie Wonder e unha das voces seleccionadas para a xira 'This is it' de Michael Jackson--, será a protagonista do concerto central.
Desde Nova Orleans chegan en exclusiva para o festival Aurora Nealand & The Royal Roses, formación liderada por unha das saxofonistas máis aclamadas da nova escena musical da cidade, así como o seu invitado, o clarinetista e afamado escritor Tom Sancton.
Outros xéneros como o soul ou o blues tamén terán unha importante presenza no Outono Códax 2021 da man do carismático bluesman Big Daddy Wilson, un músico de Carolina do Norte, e da londinense Izo Fitzroy, unha das voces máis significativas do soul contemporáneo.
Presenza galega
A presenza galega no festival confórmana The Carlos Childe Band (con estreitos vínculos con Nova Orleans), Martins Aneiros Band, Néstor Pardo e The Allnight Workers, que se reúnen para esta única ocasión, nove anos despois da súa disolución, para facer un repertorio que mesturará os seus éxitos con temas escollidos especialmente para esta edición.
Este festival terá sete citas en Santiago (11, 19 e 26 de novembro e 3, 9, 10 e 11 de decembro) e nel volven a reunirse unha sobresaínte representación dos sons do rhythm&blues, soul, blues e jazz.
A programación do Outono Códax 2021 completarase cuhna charla temática sobre a escena musical de Nova Orleans na que falarán expertos como Aurora Nealand, Carlos Childe, Jacobo Rivero e Tom Sancton, unhas xornadas gastronómicas de cociña cajún, a presentación de dous libros e tres catas de viño. Os abonos e as entradas están á venta en A Reixa Tienda-Matrioska e a través de ataquilla.com.
Comments