'Miradas que falan': a arte máis inclusiva aterra en Santiago de Compostela
- culturazgal
- 6 dic 2021
- 1 Min. de lectura
Actualizado: 15 dic 2021
O colexio EMMA acolle ata o vindeiro 15 de febreiro unha mostra de fotografías que invita a reflexionar sobre a imaxe asociada ás persoas con discapacidade

Ainara Corredoira/Lugo
Con motivo da celebración do Día Internacional da Discapacidade, o Colexio Plurilingüe Emma de Santiago de Compostela acolle a exposición Miradas que Falan. A mostra, na que participa Aisge Galicia, recolle unha serie de fotografías realizadas polo fotógrafo Esteban de la Iglesia en Hermanas Hospitalarias Centro Pai Menni de Betanzos, que ofrece atención integral a persoas con discapacidade intelectual. Poderá visitarse ata o 15 de febreiro do vindeiro ano.

Nove actores galegos son algúns dos rostros no proxecto
Nove actores galegos participaron de forma altruista en 'Miradas que falan', co que o centro quixo sensibilizar e promover a inclusión das persoas con discapacidade. Trátase de Luis Zahera, Isabel Blanco, Camila Bossa, Víctor Mosqueira, César Goldi, Patricia Vázquez, Yolanda Muíños, Belén Constenla e Blanca Cendán, que confrontan os seus retratos cos realizados a outros tantos usuarios de Pai Menni. "Quen é o actor e quen a persoa con discapacidade?" "Quen imita a quen?" Estas son algunhas das reflexións ás que invita a exposición ‘Miradas que falan’.
A exposición, aberta ao público xeral e toda a comunidade educativa, poderá visitarse no Colexio EMMA (Virxe da Cerca, nº 15), en Santiago de Compostela, ata o 12 de febreiro en horario de 11:30 a 13:00 horas. Debido á actividade docente, estará aberta os seguintes sábados: 11 e 18 de decembro; 15 e 29 de xaneiro; e 5 e 12 de febreiro. Ademais, a exposición servirá como estímulo ao profesorado para traballar difetentes proxectos durante o tempo que dure a exposición.



Comentarios