‘Máis aló de ferreñas e rock and roll’: cando a arte reivindica a igualdade
- culturazgal
- 10 nov 2021
- 3 Min. de lectura
A artista plástica Laura Romero presentou en Santiago de Compostela a mostra que rinde homenaxe a trinta e unha músicas galegas a través de ilustracións

Ainara Corredoira / Santiago de Compostela
A ilustradora galega Laura Romero deu o pistoletazo de saída á exposición ‘Da pandeirada ao punk: máis aló de ferreñas e rock and roll’ na biblioteca santiaguesa Ánxel Casal. A mostra, evolución do proxecto da artista e da filóloga e escritora Iria Pedreira ‘Ferreñas & rock and roll’, pretende dar conta das mulleres máis senlleiras ao longo da historia musical da comunidade galega.
“A proposta xorde como idea de facer algo máis que unha simple presentación do libro ‘Ferreñas & Rock’n’Roll’. Tivemos a mala sorte de que a pandemia nos truncara o que sería unha xira de presentacións ao uso, e cando as cousas comezaron a funcionar de novo, pensamos nunha actividade na que se falara do libro, mais tamén se ampliara información que non aparece nel por cuestión de espazo”, explica a ilustradora sobre a exposición.
A intención da mostra estivo clara desde un inicio: visibilizar o papel das mulleres músicas en Galicia, en moitas ocasións, as grandes descoñecidas para o público xeral. “As mulleres son as grandes esquecidas en moitos ámbitos, na música tamén. Foron elas as que se encargaron de que a tradición non morrera, as que fixeron que moitas pezas chegaran aos nosos días. Tamén fóra do tradicional houbo grandes pioneiras e grandes historias que non se valoran -moitas, nin se coñecen- como deberían. É importante visibilizalas para que sexan referentes de moitas músicas que virán detrás”, afirma Romero.

Reivindicar a historia da música máis descoñecida: a perspectiva feminina
‘Da pandeirada ao punk: máis aló de ferreñas e rock and roll’ fai un percorrido pola historia alternativa dos sons en galego: a que escribiron as mulleres. Trinta e unha figuras femininas que foron pioneiras ou representativas nalgún punto da escena musical de Galicia. O proceso creativo non foi sinxelo, pois a artista tivo que percorrer moitos recunchos da comunidade durante meses para recompilar datos e falar persoalmente con moitas das músicas e algún familiar e amigo próximo a elas.
A exposición tamén presenta un cariz persoal para a súa creadora, xa que combina a súa profesión como ilustradora e urban sketcher coa música. Laura Romero é baixista nunha das bandas máis veteranas da comunidade e e lenda viva do rock en galego: Zënzar. “Con este proxecto, é a primeira vez que expoño por motivos máis aló dos artísticos. As ilustracións pertencen a etapas diferentes e nótase, pero non me importa, porque o obxectivo é demostrar que en Galicia hai moitas músicas facendo moitos proxectos de calidade. E que non vale dicir “é que eu non coñezo bandas de mulleres”, “e que se non están nos festivais será que non hai”. Que a porcentaxe de mulleres nos festivais adoite ser moito menor non quere dicir que non existan”.
Nesta liña, foron varias as historias que a conmoveron de maneira profunda: “A min, persoalmente, impactoume a traxectoria de Pili Dios, a que fora baixista da banda de punk Desvirgheitors. É claramente a referente que eu non tiven cando comecei a tocar o baixo, e coñecer a súa historia, e poder contala, é moi potente. Tamén destacaría coñecer a Xosefa de Bastavales.”

Chegar á Xeración Z a través da arte
Esta rapaza pertencente á xeración millenial cre que chegar ás novas xeracións é algo que ten unha grande importancia no seu traballo, mesturando arte e intereses da mocidade como poden ser as redes sociais e o inconformismo. “Á xente nova non lle chega moita información da música que se fai aquí, polo que pode ser interesante no caso de que quixeran comezar a saber un pouco sobre algúns proxectos. Tamén lles pode funcionar como exemplo de como con cousas sinxelas -neste caso, un lápis e redes sociais- se pode berrar contra algo que se considere inxusto”, sinala a artista.
Aqueles que queiran achegarse a coñecer as obras de Laura Romero poderán visitar a mostra desde mañá ata o trinta de novembro de luns a sábado durante o horario de apertura da biblioteca. A entrada é de balde.

Comments