top of page

O CGAC abre a inscrición dun novo curso sobre as vangardas artísticas

  • culturazgal
  • 22 nov 2021
  • 3 Min. de lectura

Actualizado: 6 dic 2021

Todos aqueles interesados na arte e na historia poderán inscribirse na oferta de 'A construción da Modernidade: vangardas e posvangardas', que comezará en xaneiro do ano próximo e será impartido pola catedrática de Historia da Arte, María Luisa Sobrino


Cadro 'As señoritas de Avignon' de Pablo Picasso, referente da vangarda cubista e parte do programa do curso do CGAC. Historia-arte.com

Ainara Corredoira/Lugo


O Centro galego de arte contemporánea presenta a oferta dun novo curso denominado 'A construción da modernidade: vangardas e posvangardas. Curso de arte, cultura e historia'. A matrícula pode realizarse a través do correo electrónico do centro e terá un custo de 30 euros. Será impartido pola catedrática de Historia da Arte María Luisa Sobrino no auditorio do CGAC e os asistentes poderán recibir unha certificación, tendo rematada a formación.


As vangardas: un momento trasendental da arte contemporánea


O contido do curso abarcará desde principios do século XX ata a Segunda Guerra Mundial, cuxo estalido constitúe a primeira gran quebra na traxectoria da cultura e da arte. Un período que xorde en distintos puntos de Europa e que supón unha das etapas máis creativas da súa historia. Trátase do que se coñece como vangardas históricas. A traxectoria da arte coincide cunha suma de avatares políticos tras a primeira década do século —a Gran Guerra, o triunfo da revolución soviética, máis tarde a guerra civil española e, finalmente, a Segunda Guerra Mundial— que acabarían arrasando o continente. Porén, o transcurso destes mesmos anos supón un período esperanzador para a arte. Un entusiasmo fundamentado na grande evolución da tecnoloxía e a nova ciencia. O desenvolvemento do automóbil e dos primeiros aeroplanos, o perfeccionamento da fotografía ou o fomento das artes escénicas provocarán novos e descoñecidos modos de ver o mundo.


As artes plásticas desenvólvense nunha serie de correntes ou ismos cos que os propios autores ou os seus principais críticos denominaron as distintas experiencias artísticas. Así, o expresionismo, fauvismo, cubismo, futurismo, dadaísmo, suprematismo, construtivismo, neoplasticismo e surrealismo supoñen as principais orientacións.


Máis que un relato histórico ou artístico, a vangarda significou unha complexa estrutura de esforzos persoais e afinidades. Un espazo temporal cheo de descontinuidades, diferenzas e quebras. Desde os seus comezos, toda a actividade destas primeiras décadas do século constitúe un ámbito de experimentación guiado tanto por un espírito combativo como polo seu intento de alcanzar a utopía.


Achegar a arte a todos, da man dunha importante figura no mundo da arte galega: María Luisa Sobrino


A escollida para achegar este movemento artístico é María Luisa Sobrino (Vigo, 1943), catedrática xubilada de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela. O seu labor investigador diríxese á área da arte contemporánea tanto no referente ao ámbito galego como internacional. Participou en numerosas publicacións sobre a historia da arte e comisariou distintas exposicións. Entre as súas publicacións sobresaen: O cartelismo en Galicia, Escultura contemporánea no espacio urbano e Nuevas visiones del paisaje: la vertiente atlántica. Foi coordinadora da sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega desde onde dirixiu e editou un conxunto de máis dunha ducia de publicacións baixo o título xenérico de Arte +: Arte + espazo público, Arte + mulleres, Arte + identidade, entre outras. Na actualidade segue traballando en artigos, conferencias e informes relacionados co campo da arte.



Imaxe da historiadora María Luisa Sobrino. Consellodaculturagalega.gal


O curso está destinado a todas aquelas persoas interesadas na arte, a historia e a cultura, polo que non cómpre ter coñecementos previos de ningunha disciplina artística. O prazo de inscrición estará aberto ata o 17 de decembro e as persoas interesadas poden enviar unha mensaxe electrónica a cgac.prensa@xunta.gal. Nela deberán indicar o seu nome completo, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto. Unha vez aceptada a solicitude, informarase ás persoas inscritas sobre como realizar o pagamento. Expediráselles un certificado a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 70 % das sesións. Na web da Xunta de Galicia xa está dispoñible o programa do curso.

Comments


bottom of page