top of page

O Consello da Cultura Galega organiza unhas xornadas sobre o consumo e a protección ambiental

  • culturazgal
  • 30 nov 2021
  • 2 Min. de lectura
A primeira sesión celebrarase o 1 de decembro en Santiago de Compostela


Cartel promocional das xornadas

Paula Fernández / Santiago de Compostela


Hoxe en día, almacenamos unha gran cantidade de pezas no noso armario que aumentan sen cesar. As tendencias de cada tempada provocan que a maioría das persoas rapidamente substitúan o novo ao “antigo”, debido a que, existe unha obsesión xeneralizada coa necesidade de ir á última.


Con todo, existe un custo ambiental por estar á moda. Concretamente, a industria téxtil é a segunda máis contaminante do mundo. Segundo o último informe elaborado pola Organización das Nacións Unidas, a produción de roupa e calzado é a responsable do 8% dos gases de efecto invernadoiro.

Así pois, é necesario que as empresas implanten medidas para garantir unha produción máis sostible e respectuosa co medio ambiente. Ademais de favorecer outros modelos de consumo.


Por todo iso, a Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega destinará varias sesións ao gran desafío de facer compatible o consumo e a protección ambiental. A primeira delas celebrarase mañá, 1 de decembro, chamada “ Consumo e sostenibilidade. Os desafíos do transporte e a industria da moda” na súa sede localizada no Pazo de Raxoi, na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela. Tal e como indica o seu nome, trataranse temas relacionados co transporte tanto de mobilidade de proximidade co internacional e a industria téxtil.


A xornada contará ás 12.00 horas coa presenza de Violeta Bouzada, profesora externa do Grao de Xestión Industrial da Moda da Universidade da Coruña e membro de Fento Moda Sustentable Galega. Dialogará sobre o impacto da moda e a existencia de novas vías para construír un futuro máis responsable. Posteriormente, ás 12.50, será a quenda de Tatiana Suárez directora corporativa de Talento e Cultura de Adolfo Domínguez.



Promoción das xornadas por parte de Fento Moda en Instagram

A inscrición é gratuíta, pero o número de prazas é limitado e iranse cubrindo por orde de rexistro.


Comments


bottom of page