top of page

O empoderamento feminino fai unha parada en Lugo coa mostra ‘Mulleres Resistentes’

  • culturazgal
  • 7 dic 2021
  • 3 Min. de lectura

Actualizado: 15 dic 2021

A loita das mulleres contra o fascismo entre 1936 e 1945 protagoniza a mostra documental que terá o acto de presentación o vindeiro 10 de decembro no Vello Cárcere



Imaxe da mostra 'Mulleres Resistentes' no seu paso pola cidade de Madrid. mujeresresistentes.eu



Ainara Corredoira/Lugo


A mostra ‘Mulleres Resistentes’ chega a Lugo o vindeiro 10 de decembro para trazar un percorrido documental e fotográfico pola resistencia das mulleres na loita contra o fascismo na Guerra Civil española e a Segunda Guerra Mundial conectando a resistencia en Galicia e en España coa de Francia, Italia e Alemaña.


A exposición permite coñecer as diferentes organizacións femininas antifascistas, o papel das mulleres como enlaces ou mensaxeiras, como enfermeiras, como milicianas, como guerrilleiras, nas Brigadas Internacionais ou na fronte de combate. Tamén se aborda a importancia e a contribución das que loitaron dende os seus fogares e pola supervivencia das súas familias, dende o campo ou dende as fábricas, ou coa cámara fotográfica, o bolígrafo e a palabra como armas.


O proxecto céntrase na contribución do movemento polos dereitos da muller e das loitadoras antifascistas á democracia en Europa e en darlles toda a visibilidade que merecen. Milicianas, políticas, traballadoras na retagarda, voluntarias, guerrilleiras, manifestantes, represaliadas, deportadas… Desde as súas accións máis conscientes ata os pequenos xestos que serviron para contribuír á loita pola liberdade e o antifascismo son obxecto desta exposición. Un proxecto internacional busca facer xustiza á súa memoria e ofrecer ao público visitante unha visión global da importancia real que supuxeron as súas accións.


A represión e os fusilamentos, as prisións e os campos de concentración son parte tamén da investigación desta exposición na que se manifesta a firme determinación de milleiros de mulleres europeas de loitar contra o avance do fascismo. Así o retrata o poema de Marianne Cohn incluído na mostra: ‘Traizoarei mañá, non hoxe / Hoxe, arrincádeme as unllas / Non traizoarei. / Descoñecedes o cabo da miña coraxe. / Eu coñézoo’.



Dúas mozas asistentes á mostra durante a súa exhibición na capital española. https://mujeresresistentes.eu


Un mapa da memoria da resistencia feminina na cidade das murallas


O acto inaugural será o venres día 10 ás sete da tarde no Vello Cárcere de Lugo e contará coa participación do presidente da ARMH, Emilio Silva, a representante galega da Asociación, Carmen G-Rodeja, a Concelleira de Cultura de Lugo, Maite Ferreiro, e as colaboradoras do proxecto en Alemaña, Francia e Galicia, Verena Boos, Paloma León e Cristina Fiaño. Un acto que tamén contará coas voces poéticas de Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer e a actuación musical de Su Garrido Pombo.


Con este proxecto a ARMH quere crear un mapa da memoria da resistencia das mulleres ao fascismo en Europa e estreitar lazos coa sociedade civil dos diferentes países participantes. Esta incipiente rede internacional terá o seu primeiro grande encontro na cidade das murallas. O Vello Cárcere de Lugo acollerá o día 11 de decembro o primeiro encontro internacional arredor do proxecto reunindo a investigadoras e colaboradoras de Alemaña, Francia e Galicia. Será nun coloquio que se celebrará a partir das cinco e media da tarde coa participación de Paloma León, escritora e colaboradora francesa do proxecto; Verena Boss, escritora e colaboradora alemá e María Lopo, investigadora galega que falará sobre a sororidade na Galicia exiliada antifascista a través da amizade de María Casares coa xudía Nina Reicy.


Esa mesma tarde do sábado 11, ás sete, celebrarase outro encontro entre familiares de mulleres resistentes na que participarán René Miguel Bueno, filla da exiliada española Araceli Barranco que sobreviviu ao campo de Argelés-sur-mer e axente activo da resistencia francesa; Salomé da Torre, neta de Carmen Rodríguez Nogueira, apoio da guerrilla e Paz Gómez del Valle, neta de María del Valle, encarcerada por pedir a liberación do seu fillo, secuestrada e asasinada.


A actriz María Casares é unha das resistentes galegas que incorpora a exposición. Tamén ás irmáns Touza, ás irmáns Fandiño Ricart ‘As Marías’, Enriqueta Otero, Placeres Castellanos, María Vázquez Blanco, Mercedes Núñez ou Consuelo Rodríguez López, ‘Chelo’.


As vindeiras sedes da exposición Itinerante ‘Mulleres Resistentes’ serán o Museo Cívico de Bari, Italia, en xaneiro e o Volkshochschule de Aachen, Alemaña, en marzo. Posteriormente viaxará a Bélxica, Croacia e Portugal. ‘Mulleres resistentes’ é un proxecto da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, está producido e deseñado por Urdime e XesCultura e financiado polo Programa Europa para os Cidadáns da Unión Europea.



Presentación da mostra no Vello Cárcere de Lugo. Vello Cárcere de Lugo



Comentarios


bottom of page