O fotógrafo Peter Lindbergh 'revive' en A Coruña da man de Marta Ortega
- culturazgal
- 6 dic 2021
- 4 Min. de lectura
A mostra 'Untold Stories' recolle a obra do recoñecido fotógrafo polaco e poderá visitarse de maneira gratuita no Muelle de la Batería da cidade herculina ata o vindeiro 15 de febreiro

Ainara Corredoira/Lugo
A exposición ‘Untold Stories’, formada por máis de 160 instantáneas e que aterra en A Coruña da man de Marta Ortega -próxima presidenta do grupo textil Inditex-, repasa as ‘historias non contadas’ que se esconden tras o obxectivo do fotógrafo de moda Peter Lindbergh, apodado ‘o poeta do imperfecto’ pola naturalidade e ‘brutalidade’ das súas imaxes.
A mostra, que abriu ao público no herculino Muelle de la Batería, nun espazo específicamente rehabilitado para iso pola arquitecta Elsa Urquijo, divídese en tres capítulos. Ademais, conta con dúas instalación a gran escala que “ofrecen unha perspectiva nova e sorprendente”.
Todas as imaxes foron escollidas polo propio fotógrafo, apodado o ‘poeta do imperfecto’ pola naturalidade, realidade e incluso ‘brutalidade’ que reflicten as súas instantáneas. Lindbergh non chegou a ver a mostra, faleceu no ano 2019, pero o seu fillo e director da Lindbergh Foundation, Benjamin Lindbergh, asegurou que esta é “a maior mostra, a máis persoal e íntima” que se realizou do traballo de seu pai.
Ainda que como comentou Benjamin, a seu pai non lle gustaba o concepto ‘retrospectiva’; “soáballe a morto”, ‘Untold Stories’ repasa a vasta obra dun home que “pretendía ir máis aló da imaxe”, incluso da moda, para transmitir a realidade, “a historia”, que escondía o instante que capturaba co seu obxectivo.
A mostra divídese en tres actos
Así, a instalación de apertura, ‘Manifest’, inclúe impresións en papel pintado a gran escala dun total de 24 fotografías que representan “o corazón” da súa obra, “o modo no que Lindbergh entendía a fotografía de moda: como medio e non coma un fin”.
A continuación atópase a sección central da exposición, con obras “clave” na súa traxectoria como a serie de fotografías da modelo Naomi Campbell, realizadas en Ibiza no ano 2000; a fotografía coa que se estreou no calendario Pirelli -co que chegou a colaborar ata en tres ocasión-; retratos de supermodelos como Linda Evanxelista -á que recomendou cortar o pelo- ou Helen Christensen, e persoaxes españolas como Antonio Banderas -o único home na exposición- ou Penélope Cruz.
Aínda que Lindbergh buscaba “retratar a casualidade”, “nada é casual nesta mostra”. Nin sequera o cristal que protexe as imaxes, que reflicte a quen as observa para incidir na interpretación, propia e libre, que cada un faga das fotografías.
A mostra péchase cunha instalación cinematográfica, ‘Testament’ (2013), inédita ata o momento, na que o fotógrafo fai un alegato á empatía e á liberdade, “defendendo que todos nacemos inocentes” e que é a propia vida a que conduce ás persoas a executar determinados actos. A película, rodada a través dun espello, mostra a expresión do reo Elmer Carrol, condeado a norte en Florida. Vai acompañada ademais dunha carta manuscrita do propio Lindbergh, na que reflexiona sobre a bondade e o destino das persoas.


Naturalidade en branco e negro
Esta instalación afonda nun dos aspectos que caracterizaron ao fotógrafo polaco, considerado un dos máis influíntes do panorama contemporáneo: a realidade e a obxectividade; a naturalidade fronte ao impostado.
É por ese motivo que o artista se decantou “case sempre” -a excepción dun par de fotografías- por imaxes en blanco e negro, posto que a cor “enturbiaba” a historia que quería contar. Ao longo da mostra, o visitante coñecerá a pegada que deixou no artista a súa infancia nas ribeiras do Ruhr, a súa paixón polo expresionismo alemán ou a súa obsesión coa ciencia ficción.
A exposición complétase á súa vez coa publicación de dous libros. Por unha banda, a reedición de ‘Untold Stories’, de Taschen, con motivo da inauguración da mostra na cidade herculina; e por outro lado, a publicación de ‘Raw Beauty’, escrito por Michael Benson e composto por 22 entrevistas con distintas personalidades retratadas polo polaco. Inclúe ademais a poesía e as fotografías de paisaxes do artista galego Manuel Vilariño.
Algunhas testemuñas das que desfilaron por diante do obxectivo de Lindbergh aparecen recollidas en paneis á entrada da exposición, onde a actriz Penélope Cruz afirma, por exemplo, que “Peter sabía como fotografar a unha muller. Case podes asomarte á alma da persoa que está fotografando… Non hai nada finxido”.

Marta Ortega e A Coruña
Durante a súa carreira, Lindbergh retratou a algún dos rostros máis coñecidos da industria da moda e do mundo da cultura; tamén á herdeira de Inditex, á que o unía unha forte amizade marcada pola “xenerosidade”, en palabras do fillo do fotógrafo.
A filla de Amancio Ortega, á que o artista inmortalizou o día da súa voda, é unha das principais responsables de que ‘Untold Stories’ chegase a A Coruña, cidade que Peter Lindbergh coñeceu no ano 2018 e que o atrapou pola súa “atmósfera gris, o seu clima sombrío e a súa estética industrial”, semellantes á rexión do Rurh na que se criou.
A exposición poderá visitarse gratuitamente ata o 28 de febreiro do vindeiro ano e conta ademais cunha cafetaría e tenda, onde poden adquirirse os libros editados para a mostra, así como outros produtos conmemorativos como bolsas de tea ou marcapáxinas.
Comments