top of page

‘Percorrer o tempo’ chega a Lugo con contedores de barco reconvertidos en salas de exposición

  • culturazgal
  • 1 dic 2021
  • 3 Min. de lectura
A mostra, que recolle os traballos de dez artistas galegos e foráneos, poderá visitarse na praza Horta do Seminario ata o dous de xaneiro do ano próximo


Vista en detalle dun anaco da mostra 'Percorrer o tempo' na cidade . Xunta de Galicia

Ainara Corredoira/Lugo


A arte rompedora aterra na cidade das murallas da man de ‘Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño’, unha mostra itinerante fotográfica e documental sobre distintas visións contemporáneas do Camiño de Santiago. Organizada pola Xunta de Galicia e Caixabank, tras o seu paso pola cidade de A Coruña permanecerá na praza Horta do Seminario de Lugo ata o día 2 de xaneiro do próximo ano. Posteriormente, pasará polas cidades galegas de Santiago, Vigo e Ourense.


O acto de presentación estivo presidido polo secretario xeral de cultura Ángel M. Lorenzo, quen destacou o “enfoque poliédrico e contemporáneo do Camiño que ofrece a mostra, ademais dunha concepción ampla do propio feito de camiñar, desde o percorrido do territorio ata a peregrinación”. A exposición conta co amparo da fundación ‘La Caixa’ con motivo da programación do Xacobeo 21-22, polo que o acto tamén contou coa presenza da coordinadora de Institucións de Caixabank en Galicia, María Jesús García.


Unha oportunidade para os artistas emerxentes


A mostra recolle a obra de dez artistas dun xeito único, xa que os rexistros documentais se atopan en distintos contedores de barco reconvertidos en cinco grandes salas de exposición e un punto de información. É posible contemplar os traballos de artistas do máis alto nivel do mundo audiovisual como Michel le Belhomme, a premio nacional de fotografía Cristina de Miguel ou a presidenta da recoñecida Axencia Magnum, Olivia Arthur. Segundo indicou o secretario xeral de Cultura: “o percorrido entre contedores e contidos pretende reflectir a propia viaxe dos artistas para a realización dos proxectos, así como o transitar do Camiño".


‘Percorrer no tempo’ tamén supuxo unha grande oportunidade para artistas novos e emerxentes. Nesta liña, o secretario xeral de cultura afirmou que “se trata dun grupo diverso e paritario, dunha xeración nova pero con longa traxectoria, que dá como resultado un novo vistazo audaz e orixinal, con aportacións moi diversas”.


Un dos exemplos de novos artistas é Carla Andrade, unha moza viguesa licenciada en Comunicación Audiovisual que recorreu o mundo realizando proxectos en países como Islandia, Nepal, Chile, Suecia, Barcelona ou París e que recibiu recoñecementos como o Premio Joven Artes Plásticas UCM no ano 2014 ou o Premio Panorama Filmic L'Alternativa Barcelona no ano 2016. Andrade afirma que desde o comezo tivo moi claro o que quería representar en ‘Percorrer no tempo’: “Desde o principio sabía que quería traballar sobre un espazo moi concreto e que, ademais, ten un significado especial para min. Trátase da Serra da Groba, situada ao longo da costa máis meridional e rectilínea de Galicia, cuxas ladeiras vin desde a ventá da miña casa desde a miña infancia e sobre as que sempre fantasiei”.


Tamén é o caso de Lúa Ribeira Cendán, fotógrafa pontesa residente no Reino Unido. Graduada en deseño gráfico pola Bau Escola de Disseny de Barcelona, o seu traballo foi galardoado co Firecracker Grant for Women in Photography no ano 2016. O seu traballo na mostra está inspirado no simbolismo, como ela mesma afirma: “Foi a través da relación física, do corpo, da aperta, da loita, de ideas moi simples que se foi forxando o proxecto. Eu traballo coas imaxes dun xeito moi elemental ou simbólico e nese sentido é moi doado conectar, porque ao final hoxe en día todos temos unha relación forte coas imaxes e o que transmiten. Utilizo exercicios ou estímulos que entendo son teatrais, e eu tamén participo deles”.


Outra das artistas que expoñen a súa obra, a pontesa Bandia Ribeira Cendán, declarou o seguinte para Cultura Z: “recoméndolle a mostra a todo aquel que queira achegarse, tanto a visitar a miña obra como a dos demais compañeiros. É unha visión, unha representación do Camiño que pode ser moi interesante”. Tamén é posible contemplar a obra de outros artistas de renome como Miquel Ángel Tornero Iván Nespereira, Luis Díaz Díaz, ou André Cepeda.



Fotografía de André Cepeda para 'Percorrer o tempo'. Cultura de Galicia


Fotografía de Bandia Ribeira para 'Percorrer o tempo'. Cultura de Galicia

Fotografía de Carla Andrade para 'Percorrer o tempo'. Cultura de Galicia


Unha gran acollida por parte dos primeiros visitantes


A mostra espertou a curiosidade de moitos lucenses, que nunca antes acudiran na súa cidade a unha exposición tan singular. María Sánchez, unha das visitantes, eloxiou a iniciativa en declaracións para Cultura Z: “gústame moito que empreguen a rúa para traer a arte a todos os lucenses. Recoméndoa, xa que ao final é algo moi accesible que lle pode interesar especialmente á xente nova”.


‘Percorrer o Camiño’ pode visitarse na praza da Horta do Seminario da cidade de Lugo ata o vindeiro 2 de xaneiro e permanecerá aberta tanto en horario de mañá como de tarde para todos aqueles que a queiran visitar.







Comments


bottom of page