top of page

Tanxugueiras está un paso máis cerca de Eurovisión

  • culturazgal
  • 10 dic 2021
  • 2 Min. de lectura
RTVE deu a coñecer cales son catorce os artistas que loitarán por ir a Eurovisión, entre os que se encontra a banda galega

O trío galego Tanxugueiras. @tanxugueiras

Patricia Otero / Santiago


As Tanxugueiras están un paso máis cerca de representar a España no Festival de Eurovisión no 2022 logo de que RTVE dera a coñecer este venres 10 de decembro que artistas loitarán no Benidorm Fest, festival que elixirá ao representante español para Eurovisión, entre os que están as galegas.


Este trío, integrado por Olaia Maneiro, Sabela Maneiro e Aida Tarrío, parte xa co vento a favor a falta de dar a coñecer a canción ca que competirán. O seu nome é Terra pero a melodía non a coñeceremos ata o próximo 23 de decembro, cando RTVE publicará as cancións dos catorce participantes.


Nada máis coñecer a lista dos catorce seleccionados, as tres artistas confesaron estar moi ilusionadas. "Estamos moi emocionadas porque imos ir cun tema noso, cun tema de esencia Tanxugueiras. A verdade é que o tema Terra, como xa está implícito na palabra, é raíz e estamos supercontentas de poder ir co noso idioma e coa nosa tradición e poder poñer en valor dentro do que nós poidamos as linguas cooficiais. Fainos moitísima, moitísima, moitísima ilusión", aseguran nun vídeo publicado nas súas redes sociais.


"Cando empezamos o que máis queriamos era levar o galego por diante a todos os palcos e todos os escenarios e iso énchenos de orgullo. Moitísimas gracias a RTVE por contar con nós e estamos moi ilusionadas. Gracias a todos vos polo apoio sempre recibido", afirman.


Tanxugueiras conta ata agora co apoio dos fans, pero isto non é garantía de que acaben sendo seleccionadas. Para conseguir a vitoria deben enfrontarse no Benidorm Fest a outros trece artistas e grupos. Primeiro competirán nuha semifinal contra outros seis candidatos e, si se clasifican para a final, un xurado profesional e o público decidirán o representante entre os oito finalistas.


De momento, excepto dúas cancións, os temas non saíron á luz, pero si os nomes dos trece rivais que terán as Tanxugueiras entre os que se encontran Azúcar Moreno, que xa representaron a España en Eurovisión fai 32 anos; Marta Sango, concursante de Operación Triunfo no 2018 ou o rapero Rayden.



Comments


bottom of page