top of page

Volve o famoso Mercado da Pedra de Vigo

  • culturazgal
  • 22 nov 2021
  • 2 Min. de lectura
O soado mercado vigués reabriu as súas portas o pasado 20 de novembro tras sete anos de inactividade


Porta do Mercado da Pedra

Paula Fernández / Santiago de Compostela


O mercado da Pedra, o máis emblemático de Vigo, abriu as súas portas o sábado 20 de novembro ás dez da mañá. Foron moitas as persoas que non quixeron perderse a apertura e achegáronse a coñecer o novo espazo comercial. Ademais, a inauguración coincidiu co día de acendido das luces do Nadal que son xa un reclamo turístico en toda España.


Este mercado foi clausurado fai sete anos, en outubro do 2014, despois dunha redada policial pola venda de roupa falsificada. Con todo, os novos responsables da instalación, o presidente Alfonso Méndez e o xerente David Veiga afirman que terá unha nova vida e pechará unha etapa complicada recuperando paulatinamente á clientela.

Este proxecto de renovación ten como obxectivo atraer tanto a turistas como a residentes e seguir sendo un símbolo da cidade.


A nova área comercial estenderase ao longo de máis de 400 metros cadrados e estará distribuída en tres zonas. A primeira é a denominada zona téxtil onde grandes marcas internacionais e unha firma viguesa de gran proxección ofrecerán pezas de calidade a un prezo moi competitivo. Concretamente poderemos atopar outlets de Armani Exchange, Calvin Klein, Diesel, Only & Sons, Williot, Gant, Guess, Jack & Jones, Ralph Lauren, Salsa Jeans, Tommy Hilfiger, Lois, Valentino e a marca local Mekkdes. Na segunda planta estarán á nosa disposición produtos gastronómicos galegos. E por último, a terceira estará destinada a roupa deportiva e tendas de moda urbana, máis informal. Esta última será a área máis moderna.



Plano composición do Mercado da Pedra

O Mercado da Pedra, situado en pleno Casco Vello, abrirá de luns a domingo en horario ininterrompido de 10:00 a 22:00 horas.


En definitiva, a cidade recupera na súa oferta para ir de compras este histórico centro comercial e sen dúbida será de novo un referente da cidade para vigueses e turistas. Os amantes da moda tomen nota do próximo destino, Vigo!





Comments


bottom of page