top of page

Última oportunidade para gozar do desfile “Costuras de Alecrín by Rías Baixas”

  • culturazgal
  • 26 nov 2021
  • 1 Min. de lectura
Este evento terminará o seu percorrido o próximo 10 de decembro en Pontevedra


Cartel do desfile

Paula Fernández / Santiago de Compostela


Tras o seu éxito en Vigo e Forcarei, o desfile Costuras de Alecrín by Rías Baixas celebrará a súa última cita nas Ruínas de Santo Domingo en Pontevedra o 10 de decembro ás 20.00 horas.


Neste proxecto, promovido pola Deputación de Pontevedra, a moda e a tradición serán as grandes protagonistas. Concretamente, o obxectivo deste espectáculo é reivindicar o valor da moda galega, da indumentaria tradicional e do talento artístico dos deseñadores emerxentes procedentes de Galicia e de España.


Así pois, os asistentes poderán gozar dunha selección de traxes da deseñadora lucense Reme Espantoso cuxa especialidade é a temática medieval. Estes caracterízanse por unha fusión de patróns e artesanía cun alto coidado dos detalles.



Un dos diseños de Reme Espantoso na pasarela "Costuras Alecrín" en Vigo, fotografía do diario Atlántico

Así mesmo, poderán apreciar o enxeño das creacións do andaluz José Perea coñecido por gañar o Premio Novo Deseñador Nacional 2018 e Mestres da Costura Arxentina 2020.

O encontro estará presentado pola actriz viguesa, Diana Nogueira e contará con numerosas actuacións de música e danza. Entre os artistas convidados destacan a cantante Rosa Cedrón, o músico e compositor Christian Silva, o coreógrafo Iván Villar e a bailarina de danza contemporánea Estefanía Gómez.


A asistencia a este desfile será gratuíta para o público ata completar aforo. Os interesados deberán enviar un correo a participa.cultura@depo.es indicando o nome completo de todas as persoas asistentes e os seus respectivos números de teléfono. Agora ben, cada persoa só poderá solicitar un máximo de 4 entradas.


Se es amante da moda, dáche présa e non te quedes sen a túa entrada!


Comments


bottom of page