A AELG está a realizar unha enquisa para coñecer como afectou a pandemia nos escritor@s
- culturazgal
- 29 nov 2021
- 2 Min. de lectura
A consulta pregunta sobre relacións coas editoras, propostas para o Día das Letras, a relación co ensino e como a COVID afectou ao mundo literario

Laura García/ Santiago de Compostela
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) está realizando unha nova enquisa para coñecer a situación do oficio de escribir en Galicia e completar a elaboración do Libro Branco sobre o sector que se iniciou o pasado ano e que daba a coñecer os principais datos sobre o perfil e circunstancias dos escritores e escritoras galegas. Os datos que recolle esta enquisa amplían os recollidos na anterior convocatoria e pretenden completar o mapa de situación do sector autoral con novos argumentos. O vindeiro 1 de decembro pecharase a enquisa.
A enquisa pregunta, entre outras cousas, como a pandemia afecta ao traballo dos escritores/as tanto desde o punto de vista da literatura como en aquelas actividades relacionadas coa edición e coa promoción das obras. As preguntas relacionadas coa COVID pretenden coñecer cal é situación do oficio autoral despois da pandemia e ata que punto os procesos de escribir e a publicación están afectados pola situación actual.
A nova situación trala pandemia protagoniza a primeira parte da enquisa, que está organizada nunha serie de bloques argumentais en que, ademais das preguntas relativas ao oficio, consúltanse algunhas actividades arredor da literatura e dos libros. Entre estas preguntas figuran as relativas á organización do Día das Letras Galegas e de como se escolle a figura principal de cada ano. Tamén se consulta a opinión das autor@s sobre as feiras do libro en Galicia, os premios literarios e a súa utilidade.
Outros dos bloques que figuran nesta enquisa, que pechará a súa consulta o primeiro de decembro, tenta coñecer aspectos sociais arredor da actividade literaria. A visibilidade da figura de escritoras e escritoras é outra das preguntas que realiza esta enquisa. Xunto a ela, figuran consultas sobre cal é a situación económica da actividade en Galicia, que xa na anterior enquisa ofreceu datos preocupantes sobre a falta de ingresos para as autoras galeg@s. Tamén se pregunta sobre a valoración que teñen as escritoras e escritores da AELG sobre o apoio que ofrecen distintas institucións políticas e medios de comunicación, a actividades literarias.
Finalmente, tamén a actividade da tradución é obxecto de consulta nesta segunda enquisa realizada pola AELG, autor@s que traducen e tamén cantas obras súas se traducen a outros idiomas. As relacións co sector educativo son outro dos bloques significativos desta enquisa: cal é a relación e as actividades que as escritoras e escritores manteñen no mundo educativo e cal é a idea que teñen como deberían ser esas relacións e cales deberían ser as actividades.
Con este medio cento de preguntas a Asociación pretende ampliar o coñecemento sobre a situación real da actividade literaria e completar os datos para o Libro Branco desta actividade, do que o ano pasado se deu a coñecer unha primeira parte con datos centrados, sobre todo, nos datos económicos da actividade literaria e sobre cantos dos escritores e escritoras galegas podían dedicarse a escribir e manterse con este traballo. A enquisa pecharase o primeiro de decembro e a partir de aí comezará a elaborarse o informe que se sumará ao publicado o pasado ano.
Poden consultarse nesta ligazón os resultados dos traballos da primeira fase de elaboración do Libro Branco: https://www.aelg.gal/actividades/outras-actividades/2020/9/1/libro-branco-de-escritorases-en-lingua-galega
Comentarios