Ledicia Costas presenta o seu novo libro ‘Golpes de luz’
- culturazgal
- 8 dic 2021
- 2 Min. de lectura
Actualizado: 15 dic 2021
A sala multiusos do Centro Social do Mar de Bueu acolleu onte a presentación da novela ‘Golpes de luz’, da escritora Ledicia Costas e publicado por Xerais. No acto estivo acompañada polo editor, Fran Alonso

Laura García/ Santiago de Compostela
Ledicia Costas (Vigo, 1979) labrouse unha recoñecida traxectoria dentro do xénero infantil e xuvenil escrito en galego e mesmo chegou a obter en 2015 o Premio Nacional pola súa obra 'Escarlatina, la cocinera cadáver'. Os seus contos están repletos de imaxinación, de personaxes pertencentes ao imaxinario do terror ou do folclore popular, aos que se lles dá a volta para divertirse e vivir aventuras xunto a eles.
Coa súa primeira novela para adultos, 'Infamia', introduciuse no thriller psicolóxico a través dunha trama de abusos sexuais no seo da Igrexa católica e agora publica 'Golpes de luz', unha historia contada a tres voces pertencentes a diferentes xeracións na que latexan moitos temas, como o coidado aos anciáns, a fantasía infantil, o narcotráfico de heroína dos anos 90 en Galicia, o universo Marvel e a imposibilidade da conciliación.
A sala multiusos do Centro Social do Mar de Bueu acolleu onte a presentación de 'Golpes de luz', novela protagonizada por Luz, unha anciá que vive pegada a un martelo e que non se sabe se vive na realidade, nun mundo paralelo ou ten demencia senil; Julia, a súa filla, que acaba de divorciarse e regresou á súa terra para coidar da súa nai e Sebas, o neto, que ten que adaptarse a unha nova vida e que se embarcará nunha serie de aventuras cos seus amigos para escapar da contorna hostil na que se atopa. Cada un dos personaxes arrastra un trauma. Hai soidade, hai mentiras, hai un pouco de tolemia, sensación de impotencia, incluso pantasmas. E tamén un gran secreto que desentrañar: por que o pai de Julia desapareceu dun día para outro e nunca se volveu a saber del?
Cada unha desas perspectivas irá completando o relato de maneira consecutiva, de maneira que parece que non hai transicións entre elas, aínda que cada unha ten a súa propia personalidade: a avoa fala en galego e establece conversacións coa súa proxenitora morta, a nai atópase embarcada nunha procura xornalística e persoal mentres tenta non chorar e o neno, ademais de facer fronte ao bullying, crea xunto aos seus amigos un mundo no que a mitoloxía nórdica e os cómics de Thor adquiren unha importancia fundamental.
Outros actos
O sábado, ás 12.30 horas, na sala multiusos do Centro Social do Mar será o turno de presentación de ‘Paleta Planeta’, coa intervención de Yolanda Castaño, Xosé Tomás e Miriam Ferradáns.
Comments