Berta Dávila e Ledicia Costas conquistan os Premios Xerais 2021
- culturazgal
- 13 dic 2021
- 2 Min. de lectura
Actualizado: 15 dic 2021
Os premios foron de 10.000 euros, e as obras galardoadas sairán ao mercado en marzo do 2022

Laura García/ Santiago de Compostela
A compostelá Berta Dávila foi a gran triunfadora dos Premios Xerais 2021, ao facerse co galardón en literatura xuvenil e en novela, mentres que a viguesa Ledicia Costas foi premiada en literatura infantil.
En concreto, nunha gala emitida dende Vigo no mediodía do pasado sábado, deuse a coñecer que 'Un elefante na sala de estar', de Berta Dávila, venceu na XIII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. Unha obra que a autora constrúe a través de diferentes voces que participan na reconstrución da historia da protagonista. A obra relata como un grupo de persoas que se ven afectadas por un suicidio tenta buscar o motivo á vez que se culpan e tratan de aceptalo.
Ademais, Berta Dávila tamén se fixo co Premio Xerais de Novela 2021 grazas a 'Os seres queridos', que trata sobre unha nai que queda embarazada e decide abortar cinco anos despois de ter ao seu primeiro fillo.
Dávila, unha vez coñeceu o seu dobre recoñecemento, dixo sentirse "agradecida e afortunada" por estes dous premios: "Porque significan moito para min e porque son o abrigo perfecto para dous libros singulares cos que convivín durante moito tempo de traballo intenso".
"Só podo darlle as grazas ao xurado do Premio Xerais por escoller como obra gañadora 'Os seres queridos', un libro duro pero penso que tamén luminoso. E tamén ao xurado do Jules Verne. É realmente emocionante que a miña primeira novela para xente nova reciba este recoñecemento", manifestou.
Por outra banda, Ledicia Costas alzouse co XXXVI Premio Merlín de Literatura Infantil con 'O neno de lume', que conta a historia de Morgan, un neno peculiar que apareceu nunha cesta cando era un bebé xunto a unha enigmática nota. No seu ombreiro sempre leva a 'Luminaria', unha pequena chama que só el pode ver e coa que pode falar.
Costas, tras coñecer o fallo do xurado, lembrou como fai sete anos a súa obra 'Escarlatina, a cociñeira defunta' foi recoñecida precisamente co mesmo galardón, momento no que a súa vida "cambiou dun día para outro". "Supoño que por iso este premio é tan especial para min. Por todo o que me trouxo", engadiu, á vez que explicou que 'O neno de lume' se asemella aos contos clásicos en ser unha "historia de néboa, sopa e nenas e nenos singulares", polo que finalizou co seguinte comentario: "creo que isto é o que máis me emociona: que o xurado premie unha historia como esta".
Comments