A Coruña acolle un festival para pór en valor a cultura galega e visibilizar aos artistas locais
- culturazgal
- 10 dic 2021
- 2 Min. de lectura
Actualizado: 16 dic 2021
Mercados, actuacións musicais e obradoiros forman parte da programación do 'Festival de Inverno' que se celebrará no Círculo de Artesáns o vindeiro sábado 11 de decembro

Lucía Blanco / Lugo
O Círculo de Artesáns de A Coruña acolle o vindeiro sábado 11 de decembro o 'Festival de Inverno', un evento organizado polo colectivo Arte Viva que pretende poñer en valor a cultura galega e visibilizar aos artistas locais. Durante toda a xornada realizaranse numerosas actividades culturais que buscan revitalizar o movemento artístico da cidade tras un tempo de pandemia.
O 'Mercado de Inverno', que amosará unha selección de propostas dalgúns artistas galegos, é un dos pratos fortes da programación do festival. Entre os creadores que acudirán a cita están Truchi prints que realiza deseños de ilustracións en tazas, bolsas de tea ou postais e Guísomo eu!, un proxecto de seis estudantes que comparten as súas ilustracións cunha persectiva feminista a través das redes sociais. Lettergrettel, de Ainhoa Martínez, tamén terá un posto no que amosará as súas creacións, entre as que destacan os marcapáxinas inspirados en ficcións audiovisuais.
Obradoiros sobre danza e astronomía
Ademais dos postos artesanais, os asistentes poderán gozar de numerosas actividades e espectáculos culturais que se celebrarán ao longo da xornada. Pola mañá terá lugar un obradoiro sobre danza e música tradicional galega que impartirá a Agrupación Folklórica Aturuxo. Pola tarde é a quenda do matemático e divulgador, Xavier P. Couto, gañador do Premio Comunicación dos galargóns Youtubeiras, que realizará un obradoiro de iniciación á astronomía. A peza musical Cantos de Serea, interpretada por Ainhoa Martínez, poñerá punto e final ao 'Festival de Inverno'.
Os asistentes poderán participar no sorteo de tres obras de artistas creadoras. Unha das pezas será unha bolsiña de Hexageradas, feitas só con plantas reais, sen ningún tipo de engadido. Tamén poderán gañar a ilustración “Corazón que se esconde" de Laurarey.art , tatuadora profesional de gran talento que viaxa por diferentes cidades do mundo promovendo a arte na pel ou un un boneco de inverno realizado por Carmen Gurumi.
O encontro comezará as 10.30 horas coa primeira quenda do mercado artesanal e rematará ás 20.00. O aforo será limitado debido á situación sanitaria e as entradas terán un custo de 2€.

Comments