top of page

A segunda edición do certame 'Talento Mozo' recoñece a traxectoria e os proxectos de cinco galegos

  • culturazgal
  • 12 dic 2021
  • 4 Min. de lectura

Actualizado: 16 dic 2021

Resultaron premiados a investigadora Natalia Barreiro, as emprendedoras Lucía Seoane e Sofía Prosper, a deportista Susana Rodríguez e o músico Alberto Miguélez


Foto de arquivo da edición 'Talento Mozo' 2020



Lucía Blanco / Lugo


A Xunta de Galicia vén de premiar algunhas das traxectorias e os proxectos emprendidos pola xuventude galega máis destacados a través do certame 'Talento Mozo'. Promovido pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Politica Social, estes galardóns buscan recoñecer e dar visibilidade ao enxeño e capacidade da mocidade en cinco modalidades: Ciencia, Cultura e creación, Deporte, Empresa e Rural.


Os premios 'Talento Mozo' alcanzan este ano a súa segunda edición, que permitiu ao Goberno galego premiar as mellores candidaturas de 2020 e 2021 cunha dotación económica de 5000 euros por categoría.


A resolución desta convocatoria, que se publicará mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG), premiará este ano na categoría de Ciencia o labor da investigadora Natalia Barreiro Piñeiro, natural de Vedra e residente en Santiago, e doutora en Medicina Molecular no CiQUS da Universidade de Santiago de Compostela. Na modalidade de Rural, o recoñecemento será para Lucía Seoane López, natural de Folgoso do Caurel e promotora do proxecto empresarial "Artesanía do Caurel".


A viguesa Susana Rodríguez Gacio, pola súa banda, farase co galardón no eido de Deporte; mentres a lucense Sofía Prosper Díaz-Mor, quen posúe unha empresa tecnolóxica vinculada coa privacidade dixital, levará o de Empresa. O coruñés Alberto Miguélez Rouco, músico e profesional do canto clásico, pola súa banda, será o destinatario do premio na disciplina de Cultura e Creación.



Ciencias e artesanía rural


Natalia Barreiro Piñeiro doutorouse en Medicina Molecular en 2018 con sobresaínte cum laude no Centro Singular de Investigación en Química Biológica y Materiales Moleculares (CiQUS) da USC, onde exerce como investigadora e onde ten participado en diferentes proxectos que deron lugar a tres artigos en revistas científicas de impacto vencellados a un sistema de expresión e purificación de proteínas denominado IC-Tagging que presenta múltiples aplicacións e está desenvolto e patentado polo laboratorio de José Martínez Costas. Actualmente participa no proxecto de desenvolvemento dunha vacina contra SARS-CoV-2 financiado polo Instituto de Salud Carlos III, sendo un dos 10 proxectos de vacina contra o coronavirus que hai en España, Fondo Supera COVID do banco Santander, a Iniciativa Europea de Vacunas (EVI), ademais de diferentes fontes de financiación privada. Este proxecto recibiu o II International Zendal Award en saúde humana que outorga a empresa ZENDAL.


A investigadora Natalia Barreiro Piñeiro. La Voz de Galicia

Lucía Seoane López é a artífice do proxecto empresarial 'Artesanía do Caurel', unha proposta para visibilizar a necesidade e a posibilidade real de emprender no rural pola xuventude de maneira creativa, innovadora e sostible, empregando os recursos proporcionados pola natureza, como é a madeira. A iniciativa desta lucense é unha clara aposta pola visibilización dos oficios artesáns, a dinamización social e cultural dos traballadores manuais da madeira cos que aínda conta a zona e que foi parte da economía da zona nos tempos pasados.


Lucía Seoane López, responsable do proxecto 'Artesanía do Caurel'. La Voz de Galicia

Extensas traxectorias profesionais


Susana Rodríguez Gacio naceu cunha discapacidade visual moi severa debido á condición xenética de albinismo oculocutáneo, o que non lle impediu empezar con só 4 anos a dar os seus primeiros pasos na natación e, máis tarde, no atletismo nas modalidades de carreira e salto de lonxitude. Porén, foi no triatlón de competición na modalidade na que acadou os seus maiores éxitos deportivos, entre os que destacan o primeiro posto no Campionato do Mundo de Paratriatlón en Auckland (2012), Gold Coast (2018) e Lausanne (2019); primeiro posto no Campionato de Europa de Paratriatlón en Kitzbühel (2014) e Valencia (2019); o quinto posto nos Xogos Paralímpicos de Rio de Janeiro; e o medalla de ouro nos Xogos Paralímpicos de Tokio 2020 en triatlón. Ademais, actualmente é a número 1 do ránking mundial de Paratriatlón na categoría PTVI para deportistas con discapacidade visual.


A deportista Susana Rodríguez Gacio. El País

O proxecto IUVIA, creado por Sofía Prosper Díaz-Mor e encadrada na industria 4.0, consiste nunha descentralización dos servicios da nube, centrada na privacidade dixital dos usuarios e usuarias e na súa soberanía tecnolóxica. Consta dun microservidor que se pode ter na casa e na oficina e permite aloxar de maneira fácil e segura o email, contactos, calendario e almacenamento. Premiado pola Axencia Española de Protección de Datos coma iniciativa de investigación científico-técnica cun enfoque estritamente práctico, permite aos traballadores compartir información e editar documentos de xeito colaborativo tendo a información na oficina ou noutro lugar seguro, sen precisar de terceiros que almacenen e procesen a información. Isto permite ao proxecto ter un impacto positivo en relación á crise económica derivada da COVID-19, xa que que pode permitir aumentar produtividade sen perder os requisitos de privacidade, así como achegar traballadores ao rural, cun acceso a súa propia nube de traballo.



Recoñecemento internacional


O coruñés Alberto Miguélez Rouco obtivo o Premio extraordinario de fin de grao en piano cunha nota media global de 9,16, e máis tarde rematou o seu segundo grao profesional no Conservatorio Profesional de Música da Coruña na especialidade de clave. Tras estudar na Schola Cantorum Basliensis de Basilea, en Suíza, e na UNED, mantén unha intensa actividade como solista, realizando concertos en numerosos países como España, Suíza, Francia, Alemaña, Austria, Bélxica, Italia, Noruega, Eslovenia, Estados Unidos e Portugal. Ademais, participou como coralista en diversas agrupacións profesionais, orquestras e academias musicais, e recibiu varios premios.



Alberto Miguélez Rouco premiado na categoría Deporte. La Voz de Galicia



Comments


bottom of page