top of page

A feira de artesanía galega máis importante durante o Nadal volve a Vigo

  • culturazgal
  • 28 nov 2021
  • 2 Min. de lectura

Actualizado: 16 dic 2021

'Ofeitoaman' contará coa participación de 30 expositores e poderá visitarse ata o vindeiro 15 de xaneiro

Imaxe de arquivo da feira 'Ofeitoaman'. Faro de Vigo


Lucía Blanco / Lugo


Despois dun ano sen os postos de 'Ofeitoaman', a feira de artesanía regresa a Vigo e faino estreando datas e ubicación. A mostra estará aberta ao público ata o vindeiro 15 de xaneiro na Alameda da Praza de Compostela en Vigo, xunto ao tradicional mercado de nadal Cíes Market.


Baixo o lema “Artesáns con luz propia”, o evento é unha mostra de produtos con garantía de orixe, directamente do produtor ó consumidor, a maioría deles baixo o amparo da marca oficial da Artesanía de Galicia. O seu horario será de 11 a 14 horas e de 18 a 23 horas e permanecerá pechado os días 25 de decembro e 1 e 6 de xaneiro


Nesta edición, a feira popular, organizada pola Asociación Galega de Artesáns, que conta co apoio do Concello, a Xunta e a Fundación Pública Artesanía de Galicia, contará con 30 participantes. Entre eles están o obradoiro pontevedrés Amorei e a firma de xoias coruñesa Ardentía. A moda tamén terá o seu espazo da man de marcas como Boro, de inspiración xaponesa, así como o traballo do coiro grazas aos postos de Bruxarte e Santín.



Exposición temporais


O mercado tamén ofrecerá cinco exposicións temporais grazas á colaboración de organizacións como a APAMP (Asociación de familias de persoas con parálise cerebral) ou a Asociación Oleira de Buño e de profesionais como Elena Ferro que amosará como mantén vivo un oficio tradicional como é a zoquería.


A cita, que xa se converteu nunha visita obrigada no Nadal para os cidadáns de Vigo e tamén para moitas persoas que se desprazan dende outros puntos de Galicia, recupera deste xeito a presencialidade tras celebrar unha edición online por mor da situación sanitaria.


Cartel promocional do mercado artesán 'Ofeitoaman'. @ofeitoaman

Comments


bottom of page