A fusión da cestaría co téxtil de Idoia Cuesta, homenaxeada en Madrid
- culturazgal
- 19 nov 2021
- 2 Min. de lectura
Actualizado: 16 dic 2021
A creadora vén de recibir o 'Premio Madrid Craft Week' na categoría Artesanía Contemporánea

Lucía Blanco / Lugo
A cesteira Idoia Cuesta foi a gañadora dun 'Premio Madrid Craft Week' por realizar a fusión entre a cestaría e o téxtil, a través da combinación de materiais orgánicos con diferentes técnicas artesanais. A profesional, natal do País Vasco e Premio nacional de Artesanía 2014, resultou premiada na categoría Artesanía Contemporánea.
Cuesta recibiu o galardón da man de Elena Goded, presidenta da Sociedade de Artesanía Contemporánea, na gala de entrega dos premios que se celebrou no Palacio de Santoña o 12 de novembro. O evento contou coa recoñecida creadora de contido dixital Lucía Fernández como mestra de ceremonias.
A través do galardón, a SACo recoñece o labor de Cuesta ao unir tradición e innovación a través do deseño. A cesteira, que mantén o seu taller en Outeiro de Rei, leva anos revolucionando a cestería tradicional galega mediante o xogo de materiais e cores. Grazas á súa capacidade de adaptación da tradición cesteira ás tendencias actuais, deulle novos usos a este oficio e achegouno a novos clientes e mercados. Ademais de traballar con grandes firmas como Loewe e con deseñadoras como Sara Coleman, algúns dos seus proxectos forman parte das instalacións de tendas como Zara Home e Adolfo Domínguez.
'Madrid Craft Week', sostenibilidade e artesanía
Os premios, que se organizan para homenaxear ao sector artesán, son a principal novidade da 'Madrid Craft Week' que volve a celebrar a súa edición de nadal na que a través de experiencias únicas en diferentes espazos e comercios dos barrios más céntricos de Madrid pretenden poñer en valor o feito a man. En palabras do seu Director, César Ramirez: “Desde Madrid Craft Week queremos reconocer la labor de todos aquellos que hacen posible que la artesanía tenga una gran relevancia y se vaya adaptando a las tendencias del mercado permitiendo que sea un motor en crecimiento de nuestra economía”.
O 'Espazo Craft', que se poderá visitar durante os días 20 e 21 de novembro e no que se poderán adquirir produtos de elaboración artesanal e coñecer ao seus creadores será o punto e final deste evento que pretende apoiar, dar a coñecer e fomentar un consumo responsable optando por produtos de calidade.
Commentaires