Antón Baamonde presentou o seu novo libro no Ateneo de Santiago
- culturazgal
- 12 nov 2021
- 1 Min. de lectura
Actualizado: 26 nov 2021
Este pasado xoves 11 de novembro o Ateneo de Santiago celebrou a presentación do novo libro de Antón Baamonde «Unha nova Olanda»

Laura García/ Sanxenxo
Este pasado xoves, 11 de novembro, ás 20.00h, tivo lugar na Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela a presentación do libro «Unha nova Olanda. De Ferrol a Porto: as cidades galegas e o norte de Portugal no escenario global». O acto foi presentado por Manuel López-Rivadulla, Presidente do Ateneo, e contou ademais coa participación de Antón Baamonde, autor do libro; Xerardo Estévez, Arquitecto e ex-Alcalde de Santiago; e Lourenzo Fernández Prieto, Catedrático de Historia Contemporánea da USC.
O libro presentado explica como Galicia non ten que pensarse como un país con sete grandes cidades senón como unha única urbe que agrupa a moitos. O futuro de Galicia podería mellorar se se tomase en consideración a Portugal, se se combinase o Norte de Portugal co eixo atlántico para que atraia investimentos, poboación, recursos e talento.
Antón Baamonde, natural de Vilalba, é profesor de filosofía e ensaísta. Ten seis libros publicados e ademais participou en varios libros colectivos. Promoveu a revista e o foro Luces de Galicia e publicou numerosos ensaios e artigos tanto en xornais como en revistas. Na actualidade colabora na sección de opinión de El País e está considerado como unha das voces máis orixinais e independentes da Galicia contemporánea.
Comments