top of page

Cartografías da palabra en acción en A Coruña

  • culturazgal
  • 21 nov 2021
  • 2 Min. de lectura
O IV Festival Pezas dun Teatro do Porvir, Galiza + Portugal celebróuse onte en A Coruña na procura de servir como viveiro e estímulo para as creadoras e creadores que están a bosquexar algún tipo de peza para os palcos



Laura García/ Santiago de Compostela


A VI Xornada da Sección de Literatura Dramática tivo lugar onte no Forum Metropolitano de A Coruña. Estas xornadas organizadas pola AELG en colaboración co Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña, CEDRO e o Centro Camões de Vigo naceron con vocación de poñer en foco unha das manifestacións artísticas máis senlleiras e estratéxicas dun sistema literario e dunha cultura de seu.


Desde sempre, as artes vivas, especialmente o teatro e tamén a danza, utilizan o movemento, a emoción e, en moitos casos, a acción verbal, a palabra, para contestar, reivindicar, apuntar ou interrogar á comunidade que congregan sobre aspectos fundamentais da actualidade.

Este ano 2021, despois de confinamentos e restricións a causa da pandemia dende a AELG decidiron xogar todas as cartas á aposta pola creación escénica.


Con esa intención celebraron o IV Festival Pezas dun Teatro do Porvir, Galiza + Portugal. Un evento na procura de servir como viveiro e estímulo para as creadoras e creadores que, nestes momentos, están a escribir ou a bosquexar algún tipo de peza para os palcos.

Cómpre facilitar, visibilizar, abrir espazos de encontro para compartir eses procesos de creación e para atopar unha complicidade e un diálogo que poida potenciar esas pezas en construción. Ademais, buscan procurar o diálogo coas inquedanzas que, neste ámbito, podemos compartir coas dramaturgas e dramaturgos de Portugal, reforzando os lazos de irmandade que se remontan á orixe común da nosa lingua.


Textualidades que soben aos escenarios, de maneira directa ou indirecta, en pezas de danza contemporánea, en pezas teatrais ou en propostas híbridas achegadas á “performance”, desde o concepto compositivo das dramaturxias posdramáticas.

Todo isto aberto ao público que desfruta e gústalle descubrir o que se está a cocer no ámbito das escénicas.


O evento estivo acompañado por un dos directores máis relevantes do teatro contemporáneo portugués, Gonçalo Amorim, quen ademais ofreceu unha aula maxistral sobre os retos das artes escénicas no actual contexto.



Comentarios


bottom of page