top of page

Catro galegos, entre os finalistas dos primeiros premios de Tik Tok en España

  • culturazgal
  • 7 dic 2021
  • 2 Min. de lectura

Actualizado: 16 dic 2021

Ana Peleteiro, Desirée Vila, Guillermo Carracedo e Andrés Millán están nominados nos galardóns 'No lo sabes todo sobre TikTok'. Os gañadores daranse a coñecer nunha gala presentada pola cómica Carolina Iglesias

Os galegos nominados nos premios 'No lo sabes todo sobre TikTok'. @TIKTOK_ES

Lucía Blanco / Lugo


A plataforma TikTok España celebrará o vindeiro 21 de decembro a súa primeira entrega de premios, os galardóns 'No lo sabes todo sobre TikTok' que pretenden recoñecer a creatividade, a diversidade e o talento dos creadores locais da plataforma.


Estes premios enmárcanse dentro da campaña de marca que lanzou a rede social fai apenas un mes, baixo el lema que lles dá nome. Deste xeito, a plataforma segue apostando por elevar e amosar a creatividade da súa comunidade e pon de manifesto a riqueza e a diversidade da cultura española. Para iso, crearon dez categorías cos temas favoritos da comunidade, entre os que se atopan deportes, música, educación, cociña, comedia, beleza ou diversidade, aínda que tamén se recoñecerán aos pioneiros no uso da app e ás mellores figuras públicas.


Entre os creadores seleccionados están catro galegos: a atleta paralímpica Desirée Vila e o surfista Guillermo Carracedo, na categoría de Deporte; o avogado Andrés Millán, coñecido como lawtips, en Educación; e a campiona olímpica Ana Peleteiro, nominada como Figura pública xunto a rostros tan coñecidos como as cantantes Nathy Peluso e Lola Índigo ou o futbolista Marcelo Vieira.



Protagonismo dos usuarios


En canto ao xurado, a rede social que máis adeptos gañou durante a pandemia quere darlle un gran protagonismo aos seus usuarios que son os encargados de decidir quen se leva o galardón en cada sección. A votación pode facerse a través da páxina Tendencias da plataforma ata o vindeiro mércores 8 de decembro.


A entrega de premios retransmitirase en directo o martes 21 de decembro a partir das 21:00 horas na conta oficial de TikTok España nunha gala presentada pola cómica galega Carolina Iglesias, coñecida como Percebesygrelos, que vén de gañar un premio Ondas polo seu podcast Estirando el chicle.

Comments


bottom of page