Cinco cantantes galegas para descubrir o panorama musical da nosa terra
- culturazgal
- 7 dic 2021
- 3 Min. de lectura
A plataforma Regalamúsica fixo un ránking mostrando o talento feminino de Galicia que busca facerse un oco na industria

Patricia Otero / Santiago
O panorama musical está cheo de artistas que buscan mostrar ao mundo o seu talento e o potencial que teñen as súas cancións e letras. Porén, os artistas que máis triunfan e máis contratacións teñen en concertos e espectáculos seguen sendo homes.
Galicia pode presumir de albergar un potente talento musical feminino. Nel podemos descubrir mulleres que levan anos facéndose un oco na escena e, tras elas, unha nova xeración de artistas que loita por alcanzar un espazo dominado polos homes. Un espazo que, pouco a pouco, están logrando alcanzar grazas a moito traballo e dedicación.
A plataforma Regalamúsica fixo un ránking con vinte propostas de artistas femininas galegas para descubrir o talento que hai dentro das nosas fronteiras e axudar a visibilizar o seu traballo. Logo de coñecerse un estudo que mostra que o 40% da mocidade non coñece ningún artista galego, nós escollimos presentar a cinco delas.
1. Cuarta Xusta
Cuarta Xusta é un grupo de rock galego nado en 2016. A banda está composta por Marta Sánchez (violín e guitarra), Alberto García (guitarra), Aida López (voz), Alba Vilariño (baixo) e Lúa Aguete (batería). Caracterízanse polas súas letras reivindicativas. Cun estilo que navega entre o rock e o ska en galego, lanzaron o seu primeiro disco, “Un novo Espertar”, en 2018, con colaboracións de músicos como Javi Maneiro de Heredeiros dá Crus.
2. Laura Lamontagne
Na súa proposta mestura composicións medievais galego-portuguesas, ambientes hip hop e poesía, prestando especial atención ás obras de Martín Codax, Airas Nunes, Rosalía de Castro ou Fernando Pessoa. A artista forma así unha das propostas máis prometedoras da nosa escena. Xunto con PicoAmperio, reinventa o floclore galego cun cóctel electrónico repleto de matices e sonoridades. As súas atmosferas xa conquistaron grandes alabanzas por parte de público e da crítica, e aumentan cada día.
3. Xoana
Xoana está inmersa nun proxecto musical que ten como principal aliada á lingua galega, promocionando o seu uso ca axuda de ritmos como o pop, o rock, o jazz, o funky e incluso o reggae. Así nace “Dardos”, o disco co que irrumpe no mundo da música e co que chegou á Final dos Premios MIN ao Mellor Álbum en Galego con tan só 20 anos, competindo con artistas tan consagradas como Mercedes Peón. Todas as súas cancións xiran arredor de temas actuais que necesitan ser escoitados como a violencia de xénero ou a emigración.
4. A banda da loba
Composto por Andrea Porto Mato (baixo), Estela Rodríguez Carvalho (violín), Inés Mirás (guitarras), Marcela Porto (percusión) e Xiana Lastra (voz), este quinteto de mulleres conseguiu dar un paso á fronte cantando integramente en galego, con composicións nas que a maior parte das letras son creación de figuras esenciais da literatura galega, como Rosalía de Castro ou Celso Emilio Ferreiro. Sen deixar de lado as composicións propias, e cun ecléctico son, a formación publicou o seu disco debut, “Bailando As Rúas”, coa colaboración de relevantes figuras femininas da nosa escena, como Guadi Galego ou Tanxugueiras. O seu último disco chámase "Fábrica de luz".
5. Pauliña
Paula Chaves, coñecida como Pauliña no panorama musical, comezou a compoñer en Cambados e recurreu a todos os locais coas suas letras. Nas súas cancións mestura o folk galego e country americano comprometido e con espíritu loitador. Pauliña lanzou en 2018 o seu disco debut, “De-Xeneración”, e chegou a colaborar co rapeiro Valtònyc nun tema sobre a liberdade de expresión e o machismo. No 2020 publicou o seu novo disco “A Malfalada”, e os que presenzan o seu directo aseguran que non deixa indiferente a ninguén.
Kommentare