top of page

'Engurras', reivindicar o papel dos maiores e o valor do rural a través da fotografía

  • culturazgal
  • 1 dic 2021
  • 2 Min. de lectura

Actualizado: 16 dic 2021

O proxecto de Esther López foi recoñecido co Premio Extraordinario na categoría de Artes Plásticas e Deseño de Galicia

Cartel promocional da colección fotográfica 'Engurras'. EASD Ramón Falcón

Lucía Blanco / Santiago de Compostela


'Engurras' é unha serie fotográfica formada por 14 composicións en branco e negro coas que Esther López transmite unha das súas paixóns: o retrato. Grazas ao seu proxecto, a estudante de Fotografía recibiu o Premio Extraordinario nas Ensinanzas Artísticas de Artes Plásticas e Deseño en Galicia que concede a Xunta de Galicia.


Reinvindicar o papel dos maiores para a sociedade de hoxe en día” é o obxectivo principal da colección fotográfica. A idea naceu grazas á súa avoa que inspiraba moitos dos seus vídeos e imaxes e grazas á que cobrou un especial significado a forma na que as persoas da terceira idade se comportan diante da cámara. Porén, esta barallesa quería ofrecer algo máis e fuxir do tópico de que “son persoas maiores ás que simplemente polo feito de ser maiores debemos admirar”, destaca.


Vínculo cos fotografados


O apego cos seus fotografados é unha das características principais da colección. O vínculo familiar e a proximidade co rural son comúns nos protagonistas de “Engurras”, que teñen idades comprendidas entre os 70 e os 100 anos e entre os que se atopan a súa avoa e a súa tía avoa, ademais de coñecidos de familiares e amigos. A relación co rural foi un dos requisitos á hora de seleccionar aos retratados, polo que o proxecto tamén é unha homenaxe para este eido e visibiliza o arraigo á terra.


Esther recoñece que o proxecto, sobre o que comezou a traballar en xuño, foi moi extenso porque, ademais do proceso de captación das imaxes que se prolongou durante tres meses, “hai moita investigación detrás e unha parte audiovisual”, conta. Xunto á elaboración da memoria, necesaria para poder optar aos premios, o máis difícil foi “transmitir a idea e orientala porque tiña as fotografías pero non tiña a forma de expresalo no texto”.


Valor do recoñecemento


Para a artista o galardón, co que se pretende recoñecer e valorar publicamente os méritos académicos e artísticos excepcionais no esforzo e que está dotado cunha cuantía de 1.000 euros, supón o seu primeiro recoñecemento. Porén, o que cobra relevancia para ela é “o feito de que te recoñezan e de que valoren o teu traballo”, xa que cando decidiu iniciar os estudos para dedicarse profesionalmente ao mundo da imaxe sentiu unha falta de apoio, sobre todo “porque moita xente pensa que da fotografía non se vive”.


A artista, que rematou Fotografía na Escola Ramón Falcón de Lugo, non quere deixar de formarse. Actualmente, está a estudar Deseño Gráfico para poder seguir aplicando os coñecementos de fotografía coa intención de “seguir aprendendo sobre a imaxe e a comunicación”. Aínda que 'Engurras' marcou a súa traxectoria, ela espera seguir desenvolvendo traballos cos que poida “continuar amosando unha parte de min”.



コメント


bottom of page