top of page

O emprendemento galego recoñecido nos Premios Nacionais de Artesanía

  • culturazgal
  • 10 nov 2021
  • 3 Min. de lectura

Actualizado: 16 dic 2021

Os talleres Rígido (A Coruña) e Variopinto (Santiago de Compostela) aspiran ao Premio Emprendemento, xunto coa xoiería Noroeste Obradoiro (Santiago de Compostela) que compite na categoría de Premio Produto

Minia Banet do estudo creativo Variopinto é unha das seleccionadas. La Voz de Galicia

Lucía Blanco / Santiago de Compostela


O emprendemento galego está de parabéns. Das tres candidaturas seleccionadas para o Premio Emprendemento da XIV edición dos Premios Nacionais de Artesanía, dúas son galegas. Os nominados son a firma de xoiería coruñesa Rígido e o taller de bordado compostelán Variopinto. A xoiería Noroeste Obradoiro, que aspira a alzarse co recoñecemento ao mellor produto, completa o trío de aspirantes galegos.


Estes premios están convocados a través da Escola de Organización Industrial (EOI) e da súa cátedra de promoción da artesanía Fundesarte, a organización de referencia na promoción e no desenvolvemento das empresas artesás españolas. Os galardóns pretenden recoñecer a aquelas firmas artesáns que conservan a súa esencia de oficio tradicional pero que tamén destacan pola súa creatividade, responsabilidade social e medioambiental, adaptación ao mercado e capacidade de innovación.


En total, a XIV edición dos Premios Nacionais de Artesanía recibiu 116 candidaturas procedentes de toda España e de multitude de sectores, das cales foron seleccionados 15 proxectos finalistas, tres por cada unha das cinco categorías dos galardóns.



Rígido, deseño e innovación


O taller Rígido foi un dos seleccionados polo comité formado por expertos do sector artesán e representantes do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e as comunidades autónomas. O proxecto de Carla Barral e Javier González, que viu a luz en plena pandemia, mestura a tradición artesá co deseño e a innovación. Baixo o propósito de “ofrecer xoias para todo o mundo”, estes dous mozos con ampla experiencia no mundo da moda iñan claro que querían xerar riqueza e deseño galego. Por iso, comezaron a traballar con grandes mestres artesáns da comunidade para conseguir un produto de calidade pensado para todos os xéneros.


Carla Barral, de Rígido, taller especializado en xoiería. Xunta de Galicia

Aínda que tiveron axudas, os inicios non foron fáciles, polo que a candidatura significa para eles un respecto á súa proposta que “dentro dun mundo como é o artesán é bastante innovadora”, destaca Javier. Actualmente, venden as súas pezas en seis tendas físicas en Galicia, pero esperan seguir medrando. Estar en máis puntos de venda na capital e manter as vendas online son algúns dos seus obxectivos de cara ao novo ano. Ademais, queren dar a coñecer as súas pezas en Asia e consolidarse no mercado estadounidense pero “sen perder os nosos valores” e coa intención de “chegar para poder falar de Galicia”.



Variopinto, bordado e fotografía


A outra empresa galega finalista na categoría de Emprendemento é a firma de bordado compostelá Variopinto, que xa resultou gañadora da Bolsa Eloy Gesto 2019 nos Premios Artesanía de Galicia. A marca de Minia Banet fusiona fotografía e bordado contemporáneo e ofrece pezas de decoración e accesorios que comercializa en España, Francia e Alemaña. A firma xurdiu pola necesidade que tiña de facer algo coas mans e de modernizar unha técnica milenaria como é o bordado tradicional.



Minia Banet é a fundadora do estudo creativo Variopinto. Xunta de Galicia

Esta apaixonada da arte fotográfica e das manualidades comezou a tecer de forma autodidacta fai xa seis anos, mais na actualidade asegura que borda “practicamente a diario sexa por traballo ou por ocio”. O labor docente tamén está presente na súa traxectoria profesional xa que ofrece cursos online a través da súa páxina web e participa en distintos talleres. O amor que transmite polo que fai é tal que algunhas das súas alumnas xa están a crear o seu propio proxecto “tal e como comecei eu”, asegura.


A candidatura é moi importante para esta santiaguesa xa que “o camiño do emprendemento é moi duro e estas cousas danche forza para continuar”, subliña. Sostén que fundar unha marca é difícil, especialmente a nivel económico pois “probablemente os primeiros anos non consigas aforrar senón máis ben vivir ao día e loitando para que o proxecto non vaia a pique”, destaca.


Estas dúas empresas competirán contra Oriol Baró Fajul, fundador de Liken Skis, un taller de esquíes personalizados de madeira en La Pobla de Lillet (Barcelona). Por outra banda, o taller de xoiería Noroeste Obradoiro, gañador do Premio Artesanía de Galicia 2016, opta ao Premio Produto por Línea, unha colección de pezas que amosan a súa filosofía de traballo e que están inspiradas no concepto da liña. A colección está formada por un conxunto de colares, pulseiras e pendentes en ouro, prata e mixtos, ocasionalmente con pequenas pedras de cor ou diamantes.


Comments


bottom of page