O fenómeno Orgullo Galego, onde os galegos senten honra polo seu
- culturazgal
- 1 dic 2021
- 3 Min. de lectura
Actualizado: 3 dic 2021
Esta é a comunidade en galego máis grande na rede na que cada día se comparten contidos sobre a lingua ou a tradición galega

Patricia Otero / Santiago
A conta Orgullo Galego conseguiu fai uns días o Premio Público, determinado polos votos emitidos polos seguidores das redes sociais na gala Youtubeiras. Creado no 2016, esta comunidade creceu de forma exponencial ao longo destes anos, conseguido que reunir a máis de 300.000 persoas pendentes dos contidos que suben a todas as súas redes sociais.
Un dos seus creadores, Borxa Castro, afirma que a pesar de que na actualidade a conta busca “divulgar sobre a lingua, cultura e tradicións de Galicia e crear un tipo de contido que non é tan accesible para a xente porque non o hai na televisión ou en internet”, cando comezaron a súa bagaxe no 2016 coa creación da súa conta de Facebook o seu obxectivo era “poder contar as nosas reflexións, pero non tiña nada que ver co que despois se converteu”, confesa Castro.
Cando os creadores abriron a conta en xullo dese ano puxéronse como meta acadar os 10.000 seguidores a finais de ano “pero eses seguidores conseguímolos nun mes e a final de ano xa estabamos en 70.000 persoas”. Desta forma déronse conta de que había un interese real pola creación de contido en galego e decidiron aportar por convertelo “nunha comunidade”.
Para conseguir esa comunidade no 2018 abriron unha conta de Instagram, no 2019 en Twitter, no 2020 Youtube e as listas de Spotify e no 2021 entraron en Twitch e crearon unha páxina web “para crear contido propio, máis profesional e tamén para poder abrir un apartado de subscricións no que poder aportar ao proxecto”, di Castro.
60 horas de traballo á semana
Manter e actualizar diariamente tantas redes sociais é un traballo complexo que leva moitas horas de traballo. En Orgullo Galego cada día súbense varias publicacións e é unha conta moi activa que está constantemente contestando mensaxes, correos e comentarios. “Eu atendo Orgullo Galego todos os días de luns a domingo. Nas nosas redes sociais non hai ningún día que non teña ningunha publicación”, insiste Castro.
De feito, o creador confesa que o seu traballo é moi variante e hai semanas nas que teñen moito traballo e lle dedica unhas 7 horas ao día e outras menos, pero en xeral conta que “lle dedicamos entre 40 e 60 horas á semana”.
Twitch e Instagram, as súas redes favoritas
A pesar da gran variedade de redes sociais que ten Orgullo Galego, o seu creador ten claro cales son as que máis lle gusta e nas que se sinte máis cómodo á hora de subir contido. “Emitir en Twitch gústame moito porque aínda que é certo que ten un traballo moi grande previo a xente é moi agradecida e temos moitas visitas e participación”, destaca Castro.
Pola outra banda, entre as redes máis tradicionais o creador quédase con Instagram porque “é un perfil de xente nova que ten moito interese polo que creamos. A xente mándanos moitas mensaxes felicitándonos e envíanos moitas ideas”, explica Castro. Ademais tamén indica que considera que é a rede máis sa, o que coincide moito cos valores que intenta transmitir o proxecto.
Crear un lista en Spotify de música feminina, o próximo paso
O proxecto segue medrado e buscando novas iniciativas. Entre unhas das máis próximas está a creación dunha lista en Spotity de música feminina creada por mulleres xa que “nós temos visto que na maioría de festivais o 90% dos grupos sempre son homes pero hai moitos grupos de mulleres. Por iso imos lanzar esa lista que non existe ata agora en Galicia para poder visibilizalo”, explica Castro.
Relacionado tamén coa música están negociando un proxecto que consistiría en empregar a súa canle de Youtube para que diferentes empresas poidan ten un espazo onde subir a música que se crea en Galicia.
Entre outros dos seus proxectos está a posibilidade de emitir dous días en Twitch ou aumentar os produtos dispoñibles na súa tenda. En canto ás redes sociais, van facer unha campaña específica de tradicións de Nadal no mes de decembro.
留言