top of page

Talento, música e humor na gala do Youtube en galego

  • culturazgal
  • 27 nov 2021
  • 2 Min. de lectura

Actualizado: 16 dic 2021

Os Premios Youtubeiras recuperaron a súa presencialidade nunha gala presentada por Tanxugueiras

Os creadores premiados na gala Youtubeiras. @xianaquintas

Lucía Blanco / Lugo


A casa da cultura de Bertamiráns acolleu a quinta edición dos Premios Youtubeiras que recuperaron este ano a súa presencialidade. O evento, organizado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos e da Deputación da Coruña e presentado polo grupo Tanxugueiras, contaba con 35 propostas finalistas que se disputaron os diferentes galardóns.


O acontecemento, que pretende celebrar o proxectar o galego como lingua viva, contou cun xurado formado por grandes profesionais do audiovisual e da comunicación. O xornalista Adrián Lede, a profesora de lingua galega Noemí García, o sociolingüista Fernando Ramallo, a directora do Carballo Interplay Sonia Méndez e a xornalista e responsable do Dígocho Eu da TVG Esther Estévez foron os encargados de escoller os finalistas en once das categorías.



Olaxonmario, o mellor 'Youtubeiro'


Olaxonmario, que estaba nominado en cinco categorías, finalmente alzouse co Premio Youtubeiro e co Premio Vídeo. Pola súa parte, O Son das Ideas, que explica temas complexos de forma sinxela grazas ás súas creativas animacións, conseguiu o recoñecemento á Canle.

A innovación e a orixinalidade eran outras das categorías premiadas. O Recuncho Gamer, que dá voz a un dos espazos de referencia da mocidade, acadou o galardón Pioneiro e Cousas Rarísimas conseguiu o Premio Creatividade grazas ao seu contido variado e novidoso.


O xurado tamén valorou a calidade musical e as análises completas e didácticas do proxecto Cousxs que se alzou co Premio Musical. A divulgación científica tamén foi outra das temáticas recoñecidas grazas á medalla que obtivo Astroxabi na categoría Comunicación. Por outra banda, Xacobo de Toro, profesor de secundaria e creador de materiais didácticos multimedia, obtivo o recoñecemento Didáctico por ser un “referente indiscutible na divulgación para a comunidade escolar e youtubeira”, subliñou o xurado.


Outros dos premiados foron Neeumatiko e Toxio, nas categorías Calidade Lingüística e Calidade Técnica respectivamente e Pablo Rodríguez Vila que recolleu o Premio Impacto. Orgullo Galego conseguiu o Premio Público determinado polos votos emitidos polos seguidores das redes sociais de Youtubeiras.


Sabela, Aida e Olaia de Tanxugueiras conduciron a gala á que lle deron o pistoletazo de saída coa súa música que tamén foi o broche de ouro dunha noite que conseguiu reunir a algúns dos grandes creadores do panorama galego.


Comments


bottom of page