top of page

O Gastroespazo de Pontevedra prepara un fin de semana para os máis pequenos

  • culturazgal
  • 26 nov 2021
  • 1 Min. de lectura
O Mercado de Abastos da cidade desenvolverá o 27 e o 28 de novembro un evento gastronómico dedicado aos nenos e nenas

Rapaces cociñando. AndrzejRembowski-Pixabay.

Sabela Freire / Pontevedra


O Gastroespazo do Mercado de Abastos de Pontevedra prepárase para celebrar un novo fin de semana gastronómico. A Concellería de Promoción Económica e Turismo promove un novo evento denominado “O Ganapán”, dedicado ao público infantil. O programa de lecer para os nenos executarase o sábado día 27 e domingo 28 e consistirá en diferentes obradoiros de platos doces.



Cartel do sábado 27 de novembro

O Ganapán ensinará aos nenos e nenas a preparar un postre distinto por día, o sábado os rapaces que asistan ao evento realizarán muffins con chocolate e aguacate e o domingo elaborarán natillas de plátano. Ademáis de promover que os nenos consuman froita dunha forma divertida e orixinal, a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, destacou o gran valor reivindicador que se agocha neste evento: “ademais de satisfacer o padal, a rapazada tamén terá a posibilidade de dar renda solta á súa parte máis creativa e de educarse en valores a través do Espazo Crea”, explicou. Como forma de homenaxear o 25N, os nenos participarán nun taller relacionado con este día: “Nenos e nenas deseñarán un crebacabezas con palabras máxicas como amor, respecto e igualdade, coas que lograremos acabar coa violencia de xénero”, declarou a concelleira.



Cartel do domingo 28 de novembro

O programa infantil pechará o fin de semana coa elaboración das natillas de plátano e cun obradoiro de creación de pulseiras con botóns o domingo. Os cativos que desexen participar en O Ganapán, deben inscribirse previamente no correo oganapan@gmail.com antes das 16:00 horas do día anterior ao da celebración das actividades.

Comments


bottom of page