top of page

O primeiro embutido vegano de cabaza ten orixe galega

  • culturazgal
  • 27 oct 2021
  • 1 Min. de lectura
O Calabizo, con ingredientes 100% naturais, reinventa a receita tradicional do chourizo cabaceiro.


Imaxe do Calabizo. METROPOLITANO.GAL



Redación / Santiago


Un chourizo vexetal en Galicia? Parecía un atrevemento ata que tres mulleres decidiron poñer en marcha ese produto ao que chamaron Calabizo, un chourizo de cabaza con todo o que ten que ter un chourizo, mais sen porco.


Sofía, Edurne e Keila déronlle para adiante a un alimento que impactou. Co firme convencemento de que existía un oco no mercado para un chourizo vexetal atinaron na súa aposta e hoxe o calabizo é un fixo en moitas tendas pequenas e lineais de grandes distribuidoras comerciais do país.


Non existe no mercado ningún outro embutido vexetal similar ao chourizo e elaborado de forma tradicional: curado e afumado con madeira de carballo. É un alimento de gran valor nutritivo, baixo aporte calórico, alto contido en fibra, rico en antioxidantes, fonte de vitamina B6 e co sabor de sempre.


Calabizo é unha das historias do rural que se presentan en Parte de ti, unha campaña do Grupo de Desenvolvemento (Galicia Suroeste Eurural) que por segundo ano vai enfocada a sensibilizar, concienciar e informar baseándose nas historias das produtoras e produtores. Cada unha destas historias cóntase en forma de vídeo para achegar a realidade do rural ao espectador.


O Grupo de Desenvolvemento (Galicia Suroeste Eurural) é unha entidade sen ánimo de lucro formada por todo o tecido asociativo que hai nos concellos de Fornelos de Montes, Pazos de Borbén, Redondela, Mos, O Porriño, Tui, Tomiño, O Rosal, A Guarda, Oia, Baiona, Nigrán e Gondomar máis os propios concellos e entre todos encárganse de elaborar unha estratexia de desenvolvemento rural para todo o territorio.


Cabizo, chourizo vexetal feito con ingredientes 100% naturais. EU RURAL


Comments


bottom of page