top of page

Pontevedra déixase enfeitizar pola comida internacional

  • culturazgal
  • 10 nov 2021
  • 4 Min. de lectura
A cidade galega acolleu dende o día 2 ata o 7 de novembro o primeiro festival gastronómico Mestizaxes con postos de comida e faladoiros

A carpa situada na Praza España do I Festival Gastronómico Mestizaxes. SABELA FREIRE.

Sabela Freire / Santiago de Compostela


A cidade de Pontevedra alberga unha ampla oferta culinaria nas súas rúas, combinando cociña propia de Galicia e cociña internacional. Como resultado da devoción dos pontevedreses polas tapas, o proxecto Pontevedra Capital Gastro guisou un novo evento, o festival gastronómico Mestizaxes, impulsado pola Concellería de Promoción Económica en colaboración coa Universidade de Vigo. Coa finalidade de poñer en valor as cociñas internacionais que forman parte da cidade, os pontevedreses puideron disfrutar dunhas xornadas gastronómicas dende o 2 ata o 7 de novembro.


O festival gastronómico Mestizaxes xurdiu coma unha axuda a hostelería, un sector moi castigado pola covid e como unha chamada ao turismo. A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, considera que esta cidade é ideal para ser capital gastro: “Pontevedra teno todo para ser capital gastro, ten todos os atractivos, ten a facilidade de poder pasear pola cidade, poder quedar… Isto que nos gusta tanto en Pontevedra que é o terraceo e poder comer que, ademais, como ben se ve neste evento, hai moita variedade”. O evento de cociña internacional é o último celebrado dentro do plan Pontevedra Capital Gastro, anteriormente celebrouse a Festa das Cunchas, “dedicado ao tapeo por toda a cidade de todos os mariscos de cuncha, con outras actividades en paralelo”, resume a concelleira. O Avoa Fest foi o predecesor, cun desafío de filloas na alameda de Pontevedra e cunha árbore da memoria: “Foi un evento máis aló da cociña, moi emitivo. É unha época esta moi dura para unha xeración enteira. Moita xente colgou fotos das suas avoas e houbo un buzón onde se metían receitas tradicionais. Imos facer un repertorio municipal con todas esas receitas”, detallou Blanco.


A concelleira de Promoción Económica relatou a importancia da celebración do evento como unha mestura entre as cociñas internacionais “as cociñas de ida e volta”, xa que a cidade alberga unha combinación de persoas procedentes doutros países ou que viviron uns anos fora, recolectaron ideas e as plasmaron en Pontevedra establecendo un restaurante: “Hai xente que o seu pai ou o seu avó foi a traballar a México no seu momento e volve coa idea de colocar un restaurante mexicano. Iso pasa en case todas as cidades e Pontevedra non é unha cidade allea a iso”, contou Yoya Blanco. Este é o caso da dona e cociñeira do restaurante peruano Causa Street Food, Carmen Canabal. A cociñeira forcareicense, colleu unha mochila e emigrou a Perú, onde residiu durante un ano para aprender e coñecer a gastronomía do país. Para ela a execución de festivais gastronómico como o da semana pasada, Mestizaxes, é moi importante porque bríndalle a oportunidade de darse a coñecer. “A parte la gente a veces tiene cierto recelo al probar las cosas y yo creo que con todos los puestos se van a dar a conocer todos esos productos y se quitará ese miedo”, explicaba a cociñeira.



Carmen Canabal xunto ao seu compañeiro no seu posto de comida no festival gastronómico. SABELA FREIRE.

O programa de Mestizaxes, encadrado dentro do proxecto Pontevedra Capital Gastro, formábase por dous eventos diferenciados, por un lado, estaban os Encontros Mestizos, que consistían nuns faladoiros entre un restaurante de cociña internacional e un restaurante, rematando cunhas tapas de degustación. As charlas se efectuaron na Casa das Campás os días 2, 3 e 4 de novembro ás 11:30 horas. Por outra parte, estaba o I Festival Gastronómico Mestizaxes, celebrado baixo unha carpa situada na Praza de España. Neste espazo, catalogado coma o corazón dos eventos pola concelleira, había dez stands pertencentes a establecementos hostaleiros da cidade. As carpa abiru as súas portas ao público o día 4 ás 19:00 horas, posibilitando a entrada ao recinto gastronómico os seguintes días 5, 6 e 7 en diferentes horas. Os pontevedreses que decidiron participar no evento puideron degustar tapas salgadas e doces de diferentes países do mundo, entre os que se atopaban México, Xapón, China, Perú, Brasil e Portugal, entre outros. Carmen Canabal ofertou catro tapas tradicionais da comida peruana: “aquí tengo brioche anti puchero, que va con cerdo mechado y con ají panca, un pimiento típico de Perú. Después realizo empanadillas de seco de ternera, un guiso que se hace con cilantro. En la balda de abajo tenemos la causa, con pollo y con masa de patata, que va con ají amarillo, otro tipo de pimiento peruano. Por último, el ceviche clásico, el que todos conocemos”, exponía la cocinera de Causa Street Food mientras mostraba sus platos.


Os pratos non foron os únicos protagonistas do festival gastronómico, pois tamén houbo un posto con café de orixe -como forma de reivindicación do café como gastronomía- e dous máis destinados para bebidas, onde a Indicación Xeográfica Protexida Ribeiras do Morrazo encargouse do viño e Estrella de Galicia da cervexa. Os universitarios tiveron un espazo especial no evento e puideron gozar dun xoves universitario algo peculiar, con música e tapas internacionais. Con este pequeño xesto, Pontevedra Capital Gastro quiso agradecer a colaboración por parte da Universidade de Vigo. Na presentación do evento o pasado 29 de outubro, o vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto, quiso mostrar a súa positiva valoración do Mestizaxes: “A proposta parecíanos moi acaída a como entendemos nós a Universidade, comezando pola propia palabra Mestizaxes, que xa nos atraía. Ser quen de unir, non só culturas, senón tamén persoas de diferentes partes do mundo, que están asentadas en Pontevedra, que son parte da súa cidadanía e ás que hai que agradecer o seu traballo promocionándoo”.


As grandes colas de espera para poder participar e degustar as tapas do festival gastronómico Mestizaxes, deixan aberta a posibilidade de non ser a última celebración do evento. A propia concelleira relataba que, conversando con membros de Carta Blanca, estaba convencida de que para o ano “haberá moitas máis”. Polo momento, so podemos esperar cos estómagos ansiosos o próximo evento de Pontevedra Capital Gastro.

Comments


bottom of page