Pontevedra recupera o contacto directo coa cultura
- culturazgal
- 21 nov 2021
- 2 Min. de lectura
Actualizado: 16 dic 2021
A feira Culturgal 2021 celebrarase do 26 ao 28 de novembro con case 120 stands e un centenar de actividades vinculadas á música, ao libro, ao cinema e ao teatro

Lucía Blanco / Lugo
Despois dunha edición online por mor da situación sanitaria, a feira das industrias culturais de Galicia Culturgal recupera a súa presencialidade. Precisamente, ao redor do contacto e da participación estará o motor da feira 2021 que terá lugar do 26 ao 28 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra e que contará coa participación de máis de 80 empresas e entidades expositoras e 119 stands. Deste xeito e baixo o lema 'A cultura que toca', o evento recupera a súa esencia como feira das industrias culturais galegas, para o que volve contar coa implicación da Xunta como principal institución patrocinadora.
Culturgal 2021, que foi seleccionado como un dos tres mellores proxectos de acción e promoción cultural do Estado, propón un cento de actividades entre presentacións, faladoiros, proxeccións cinematográficas, obradoiros, concertos e representacións escénicas, ademais de tres exposicións. Estas citas distribuiranse por temáticas arredor dos espazos Foro, Libro, Cinema, Infantil, Auditorio e Arte Contemporánea, entre outros.
As entradas para este encontro que recupera o contacto, a conversa presencial e o directo na cultura xa están a venda na web. O programa inclúe propostas que conectan con público de idades e gustos diversos, centrándose nas novas audiencias.
Música, teatro e literatura
Os espectáculos musicais son uns dos puntos fortes desta edición que ofrecerá diferentes concertos entre os que destaca a actuación de Tanxugueiras o domingo 28. As entradas para esta cita coa que o trío de cantareiras poñerá punto e final a súa xira están agotadas dende hai semanas.
Os amantes do libro tamén poderán gozar do encontro grazas á participación dos escritores Manuel Rivas e Ledicia Costas e do colectivo Rompente. As artes escénicas tamén teñen o seu espazo na programación a través das propostas de Escena Galega ou coa presentación da xira Fariña 2022.
Durante o sábado 27 e o domingo 28 tamén haberá propostas dirixidas ao público familiar e infantil como a do CSIC Galicia de 'Ciencia á Feira', o Animalfabeto con Eva Mejuto, o obradoiro 'Bo camiño, peregrino' ou a exposición de autómatas 'Kinétiko'.
Transmisión en directo
Nesta 14ª edición volverase contar, así mesmo, cunha canle para a transmisión en directo dunha selección do seu programa, despois da exitosa experiencia que supuxo a súa posta en marcha en 2020 para poder chegar a milleiros de persoas a pesar das restricións sanitarias. Culturgal TV, ademais de transmitir unha selección das actividades que terán lugar en Pontevedra, incluirá produtos audiovisuais, entrevistas e reportaxes cos protagonistas desta edición da Feira.
A feira galega das industrias culturais está promovida pola asociación Culturgal, que engloba á súa vez as asociacións profesionais máis representativas do sector en Galicia, dándolles voz a unhas 200 empresas: Asociación Galega de Editoras (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi)
Comments