top of page

Santiago de Compostela acolle á 35ª edición de Cineuropa

  • culturazgal
  • 4 nov 2021
  • 2 Min. de lectura

Actualizado: 1 dic 2021

O certame contará con 161 películas (88 serán de balde) en seis salas da cidade: Teatro Principal, Salón Teatro, NUMAX, Multicines Compostela, Museo das Peregrinacións e Sala Mozart do Auditorio de Galicia

Cartel promocional do festival

Javier Caínzos / Santiago de Compostela


O alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo; a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; o deputado de Cultura da Coruña, Xurxo Couto, e o director de Cineuropa, José Luis Losa, foron os encargad@s de presentar este mércores a 35ª edición de Cineuropa, que se celebra entre os días 8 e o 24 de novembro.


A principal novidade desta edición é o salto do certame a festival competitivo. Un xurado internacional será o encargado de elixir mellor película, dirección, guión, actor e actriz protagonista da sección Novas/os Cineastas. Así mesmo, o público seguirá elixindo como cada edición o seu filme favorito, que será anunciado o día mércores 24.


Un total de dezanove seccións aglutinan as 161 películas da programación. Por unha banda, cómpre salientar a presenza de Suíza como país convidado na programación do festival. Iso permitiranos coñecer de primeira man a forza da produción cinematográfica recente deste país.


Por outra banda, recuperaranse algúns dos títulos máis salientables da 34ª edición do certame xa que aínda non foron estreados comercialmente e que, polo tanto, manteñen esa "sensación de hype" para o público deste ano.


Outro dos retornos máis agardados é o do maratón, unha gran festa de case doce horas de cinematografía en sesión continua e que non se puido facer na pasada edición por mor da Covid-19.


Os premios do cinema que cada ano ofrece o festival, recaerán este ano no cineasta israelí Nadav Lapid, na actriz Verónica Forqué e no realizador galego Alberte Pagán.


Por último, en canto ás actividades, haberá máis encontros ca nunca coas e cos autores dos filmes. Celebraranse dúas mesas-debate. Unha delas tratará sobre o cinema que abordou os totalitarismos, e a outra estará dedicada á triloxía nacional: a transición política aos ollos de Luis G. Berlanga.


Ademais, a xornalista e crítica de cinema Inma Merino, o catedrático de Historia do Cinema Ángel Quintana e o catedrático de Comunicación Audiovisual José Luis Castro de Paz, visitarán o festival para presentar en Compostela as súas últimas publicacións relacionadas co mundo cinematográfico.








Comments


bottom of page